HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: cousas que nunca pensaras e...

Así viviamos hai un ano a pandemia: cousas que nunca pensaras e agora pensas

O 16 de marzo do 2020, no segundo día de confinamento, os xornais da provincia de Lugo asociados ao GC comezamos un Diario de Corentena. Un ano despois queremos recuperar as publicación dese diario para lembrarnos de como foron sendo as cousas e a situación na que estamos na actualidade. A primeira publicación titulábase "Día 2 de corentena: cousas que nunca pensaras e agora pensas."

Publicado o

- Advertisement -

Teño a sensación de que a maioría estamos igual ante a situación creada pola pandemia do coronavirus. Son xornalista, e fai días que estou pensando en cando comezou todo en Wuhan, China, o 1 de decembro do 2019 e a magnitude que agora está tendo. Estaba tan lonxe, pero unha sociedade hiperglobalizada favorece a rápida transmisión do virus e a medida lóxica para contelo, parece o illamento social.

Unha situación así enfróntase como cada un considere desde a súa responsabilidade individual e social e estou convencida de que, individualmente, a maioría cumpriría como corresponde, pero en “masa” funcionamos dun modo irracional e alimentamos o medo; a lo menos iso foi o que vimos nos casos de compras masivas/compulsivas e outros exemplos de alarma social.

En Monforte, onde vivo e traballo, pero serve de exemplo do funcionamento xeral, en canto que mentres non chegue aquí, non me preocupo; comezouse a falar do coronavirus cando salta a alerta en Italia. China estaba moi lonxe,… neste momento houbo xente que xa se comezou a poñer nerviosa. E máis cando chega a España, e o día 8 a Xunta anuncia 6 casos en Galicia.

No Xornal de Lemos a seguinte vez que falamos do coronavirus foi o 11 de marzo, nesa xornada comezaron a chegar comunicacións de cancelación de actos culturais e Enfermeiras en loita anunciaba que cancelaba a súa convocatoria do día 12 polo coronavirus, esa foi a información que demos.

O Presidente da Xunta declarou a emerxencia sanitaria e fixo un chamamento ao illamento social

O día 12 xa se anunciaba o peche das aulas para este luns día 16. O día 13 avanzamos o que ía acontecendo no sector comercio e hostalería; a hostalería en Monforte comezaba a pechar, os concellos comezaron a remitir bandos coas medidas de contención que tomaban e esa noite, o Presidente da Xunta declarou a emerxencia sanitaria e fixo un chamamento ao illamento social como medida de contención do virus.

Monforte centro día 2 corentena COVID / XdL

Nesta xornada, na do 13, o SERGAS confirmaba un caso de coronavirus nun traballador do Hospital Comarcal de Monforte. De China a Monforte en 3 meses e medio. O venres 13, data moi de película, como a situación; había confirmación oficial dun caso de coronavirus, pero había rumores de varios casos máis e comeza o estado de alarma social, pouco despois chegaría a sanitaria.

Esta situación é nova para todos, así que non pensei en ir a mercar o sábado, a fin de semana adiqueina unicamente a ver o que pasaba no mundo e aquí, co coronavirus; de ser algo lonxano na distancia e, co paso dos días case me atrevo a dicir, no tempo; a estar plenamente introducido nas nosas vidas, e de que modo!.

Cousas que nunca pensaras e agora pensas

Levaba toda a fin de semana na casa, pero este luns tiña que saír. Tiña que saír a mercar e ver como levaba Monforte o segundo día de corentena. Antes de saír estaba nerviosa, estaría facendo o correcto? Teño que manter a distancia e protexerme. Nunca pensei nas máscaras, pero ía a ir ao caixeiro e si pensei nos guantes. Tamén na fin de semana, sen saír da casa, me dei conta de que tocaba a cara moi habitualmente. Cousas que nunca pensaras e agora pensas.

A partir das 10:00 da mañá a imaxe era a prevista, menos coches e pouquiña xente pola rúa. Non era moi diferente dun domingo de inverno, a excepción dos bares e cafeterías pechados. Os establecementos pechados é o que máis se nota. No estanco estaban abertos, o que vín despachaba na porta, utilizábanse guantes e os clientes mantiñan unha cola de seguridade; nas ópticas non vín a ningúen. Pola rúa a xente procuraba non achegarse ao outro.

A rúa Cardenal, das zonas máis concorridas de Monforte tamén hoxe era a que tiña máis movemento, persoas de paso, nos caixeiros e os traballadores da empresa que está amañando a rúa. Cos establementos pechados os traballos nesta rúa non “interfiren” tanto.

Obras Cardenal Monforte día 2 corentena COVID / XdL

Cheguei a mercar a un dos supermercados do centro pouco antes das 11.00, había unha cola no exterior que mantiña a distancia de seguridade e ían entrando segundo saía alguén, despois deixáronnos entrar sen cola. En xeral, había de todo; papel hixiénico, nin pinga; pizzas poucas.  Todo os traballadores con guantes, noutros supermercados tamén levaban máscaras. Colles o carro e pensas nos guantes, que antes só poñías para coller a froita. A distancia de seguridade na caixa pareceume máis aleatoria, pero tamén me transmitiu certa normalidade,… pero iso é bo ou é malo?. Os supermercados en Monforte anunciaban por megafonía que adiantaban a hora de peche ás 20.00 horas, para poder repoñer.

Supermercado Monforte día 2 corentena COVID / XdL

Teremos tempo de ir aprendendo xuntos

Despois parei nunha pequena tenda de alimentación onde eramos tres que conversamos brevemente a unha distancia mínima de metro e medio.

Cousas que comentaron:

Isto está preparado para que cando apareza a vacina todos nola poñamos.

Como se lle pode impedir á xente andar en bici nun espazo natural?

Temos como mínimo para un mes!

Tamén nunha conversa telefónica, alguén me suxeriu que vía todo isto como algo provocado desde o comezo, para ver como resposta o planeta a unha ameaza mundial. Neste caso non sei se é provocado, pero si teño claro que a situación é unha proba como sociedade. Estes días de encerro serán importantes e darannos o tempo que moitas veces desexamos. Darannos o tempo para reflexionar sobre unha morea de cousas, sobre como vivimos como individuo e como sociedade. Isto acaba de comezar, así que teremos tempo de ir aprendendo xuntos.

Caixeiros Monforte día 2 corentena COVID / XdL

Un caos regulado para aprender

A Policía Nacional e a Policía Local pasan cada pouco polos supermercados e lugares onde se podería producir concentración de xente. Ao parecer, xa onte a policía enviou para casa a xente que paseaba pola cidade. Tiña pensado ir a ver á miña nai a aldea; non por necesidade, pero para pasar un pedazo con ela ata novo aviso, ou quizáis quedarme alí e non relacionarme máis que con ela. Que non fora unha “necesidade” fíxome quedar en Monforte, a conexión a internet para seguir traballando desde a casa é mellor.

Este domingo pola noite un amigo de Lugo, que ten unha empresa de transporte, que non transporta comida, non sabía moi ben que facer hoxe cos camións que tiña cargados:

-Pódese traballar, os camións están cargados, pero non sei se as tendas abren e os condutores non terán onde comer no traxecto.

Así foi, un dos camións quedou parado na neve, a maioría pudieron descargar, pero non comer; e outro queda en Madrid ata que a empresa receptora o descargue este martes.

Os amigos e coñecidos con fillos enfróntanse a días complexos. Nas cidades, en pisos, os nenos non entenden que non haxa clases, e que non se poida ir ao parque. Os días de encerro serán toda unha experiencia da que confío poidamos aprender. No campo os nenos poderían saír a correr ao redor da casa, cando o seguinte veciño está a 300 metros.

Estas situacións sacan o mellor e o peor de nós. Unha situación incómoda? si,… de consecuencias socieconómicas difíciles de imaxinar, que supón que sanitarios e administracións estean ao límite nunha actualización constante de protocolos,… Un caos regulado do que todos deberíamos de aprender moitas cousas sobre como vivimos e como melloralo.

ÚLTIMAS

A Muiñeira de Chantada ou a Rianxeira, cal é a máis representativa de Galicia?

Para asistir á gravación do programa, o Concello de Chantada puxo un autobús no...

Monforte terá unha nova senda circular urbana por convenio entre o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil

O alcalde de Monforte, José Tomé, asinou este mércores un convenio co presidente da...

90.000€ para melloras no Pavillón Polideportivo Municipal de Bóveda

O Fondo de Cooperación local de Xunta de Galicia destina 46.101€ para os traballos...

A Deputación esíxelle ao Concello de Sarria e á Xunta de Galicia a posta en marcha do Matadoiro Municipal

Antes da sesión plenaria, o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou a importancia...