O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) vén de publicar as bases do 2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte, polo que ata o venres 14 de maio, as empresas de hostalería monfortinas poderán solicitar as axudas nel destinadas.
Esta liña de axudas directas á hostalería monfortina está dotada cun total de 200.000 euros, ás que poderán optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal en Monforte.
“Concederemos unha contía fixa de 2.000 euros, ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021” subliñou o rexedor municipal, na presentación destas axudas.
Esta nova liña de axudas ven motivada logo de que o Goberno da Xunta de Galicia establecese, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2021 as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que supuxo, dende o mércores 27 de xaneiro, o peche da hostalería, unha medida que estivo vixente, alomenos durante un mes, en moitas partes de Galicia. Polo tanto, estas axudas que teñen por obxectivo paliar os prexuízos que este peche, supuxo para os hostaleiros monfortinos.
Inclúense nestas axudas a aqueles negocios cuxa actividade se veu afectada pola orde de peche temporal da Xunta de Galicia, en concreto a ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. O solicitante da axuda, non deberá ter débeda ningunha pendente co Concello de Monforte de Lemos. Este requisito verificarase de oficio pola Administración Municipal.
As solicitudes, que deberán dirixirse ao Area de Promoción Económica e Desenvolvemento Local do Concello de Monforte, poderán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello de Monforte ou de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello, incluíndo o correspondente modelo de solicitude normalizado así como toda a documentación que esta convocatoria require.
A idea do Equipo de Goberno é darlle a axuda a todos os hostaleiros, por iso a concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia non competitiva e a resolución das axudas realizarase por rigorosa orde de entrada. O prazo máximo para resolver e notificar a concesión da axuda será de tres meses a contar dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes.