HomesociedadeO "Consello de Parroquias da Ribeira Sacra" segundo Interior Galego Vivo

O “Consello de Parroquias da Ribeira Sacra” segundo Interior Galego Vivo

Para Interior Galego Vivo é desalentador comprobar que sempre se erguen "os mesmos actores" como voz única da poboación da Ribeira Sacra. E reclaman unha serie de medidas, "ante o decoñecemento do funcionamento, composición e sistema de elección de representantes das parroquias dos Concellos da Ribeira Sacra, así como as funcións deste organismo."

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Algunhas asociacións dos Concellos do ámbito do BIC Ribeira Sacra recibiron unha carta de convocatoria ao Consello de Parroquias da Ribeira Sacra, indicando que foi constituído en decembro de 2019 en San Pedro de Rocas. A carta, que segundo IGV non foi enviada a todas as parroquias, está asinada polo Presidente do Consorcio, quen tamén se identifica como representante da parroquia de San Martiño de Arroxo, en Sober. Segundo Interior Galego Vivo, “Resulta sospeitoso e responde ao modus operandi habitual do neocaciquismo que se avise só a unhas parroquias e descoñécese a que criterio responde esta elección así como a dos seus representantes.”

Sinalan desde IGV que este Consello de Parroquias non ten unha regulamentación publicada no DOG, “pois o único organismo creado de xeito oficial para a participación cidadá no relativo á candidatura da Ribeira Sacra é a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra que, tampouco fomentou a participación regular do tecido asociativo como se pediu desde as alegacións que apresentaron entidades agrupadas en IGV.”

Interior Galego Vivo reclama:

1 – Desenvolver unha regulamentación transparente de funcionamento democrático e participativo para o conxunto da sociedade civil.

2 –
Reiniciar a súa composición mediante un proceso de participación publicitado e no que todas as asociacións veciñais ou de ámbito parroquial legalmente constituídas poidan participar e escoller representantes en dito Consello, permitindo incorporacións posteriores.

3. –
A participación cidadá é esencial para o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial pola UNESCO, polo que os organismos de participación deben estar regulados e dende a candidatura débese fomentar a participación real e implicación das comunidades locais, con convocatorias amplas, en lugar de montar foros só para os “elexidos” coa vontade de manter un nivel baixo de participación e debate. A este respecto, debe propiciarse a participación na Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.

Dende Interior Galego Vivo consideran imprescindible que a participación no proceso de candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade se reconduza cara a participación real da cidadanía, “algo que, precisamente, é un valor para a consecución desta distinción, que nace xa con innúmeras mostras da súa verticalidade e que para nada é unha proposta xurdida ou socializada entre as mulleres e os homes que habitan e resisten esta xeografía, tal vez por termos elites instaladas desde hai demasiado tempo nas institucións e que semellan desconfiar do pobo que din representar furtándolle a súa voz.”

ÚLTIMAS

Traballo colectivo da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next para a súa posta en funcionamento

Os encontros desenvólvense os venres pola tarde coa presenza dun máximo de 20 empresas,...

O BNG de Monforte leva a pleno un punto de información turística na Compañía

Explican os nacionalistas que o tramo da rúa Doutor Casares máis próximo ao centro...

Mario Obrero presenta o libro ‘Con e de curcuspín’ este 26 de maio na Pobra do Brollón

Con e de curcuspín é un ensaio no que a reflexión lingüístico-literaria mestúrase coa...

Un ferido nun accidente de tráfico na LU-109 en Monforte de Lemos

Un condutor resultou ferido este sábado en Monforte de Lemos ao impactar contra unha árbore o...