HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: Os Hospitaliños Novos

Cousas Xacobeas: Os Hospitaliños Novos

A desaparición do Hospital de San Roque, derrubado en 1786, deu paso, coincidindo coa construción da Obra Nova, a que os agostiños fixesen os chamados Hospitaliños Novos que prestaron servizo por máis de 50 anos.

Publicado o

POR
Xaime F. López Arias
- Advertisement -

No mes de setembro de 1.835 dentro dos traballos previos á expulsión dos relixiosos agostiños pola forzada extinción da vida comunitaria e a incautación dos bens do Mosteiro da Madalena de Sárria, en aplicación das leis desamortizadoras, fíxose un inventario de todos os bens e dereitos  que pasaban a mans do Estado.

Nesa relación achamos as seguintes descricións referidas ao Mosteiro e aos Hospitaliños

  • “A Casa do Convento que se compón da Igrexa, con Sancristía e un claustro que dá entrada ás celas dos Relixiosos, Coro, Libraría e pola parte inferior á Cociña, celeiro, adega de garda e Refetorio, que é o que comprehende  a obra primitiva ou vella; á que segue outra chamada Nova que forma un patio e comunica por alto e baixo coa  anterior, cuxa obra non ocupaban os Relixiosos; e só se servían delas para algunhas cousas; e era como espansión de amplitude e manificencia, ten un piso inferior para celas “.
  • “No patio desta obra e na súa parte inferior están as cortes para o gando, recollemento de ferrañas, froitos e viviendas  para criados “. 
  • “Na parte de fóra desta obra e pegadas a ela, hai outras tres terreas, unha delas de bóveda, digo: chamada da bóveda co seu adro na parte de abaixo do adro da Igrexa e obra vella; e estas oficinas foron feitas co obxecto de darlles hospedaxe aos romeiros que peregrinaban a Santiago”.
Porta dos Hospitaliños / Ana López

En 1.835 aínda había un total de nove espazos da Obra Nova adicados á atención dos peregrinos, e con máis precisión a eles se refiren os comisionados, indicando os mobles que alí acharon:

  • Na primeira cela da hospedaxe recoñeceron tres mesas ou bufetes pequenos, un tabolete de pau, un cadro vello e rompido sen marcos, na oficina interior e na anterior outro bufete pequeno.
  • Na segunda cela da hospedería, tres mesas ou bufetes pequenos, e un mesote de pau e un cadro vello e rompido sen marco. Na oficina de arriba,  e na anterior outro bufete pequeno.
  • Na terceira había outro bufete e unha cadeira de palla regular; unha tarima, un xergón, unha funda e un cobertor todo vello.
  • Na cuarta unha mesiña e un estrado en mal estado.
  • E finalmente na quinta e última inventariaron outro banco, unha cadeira moi antiga de brazos e un meso de madeira; un estrado co seu xergón, dúas sabas e dúas almofadas. 

Charitas aedificat

No tempo que vai de 1.836 a 1.896 o abandoado mosteiro de Agostiños de Sárria pasou primeiro a mans do Concello de Sárria (que nin o aproveitou, nin quixo aproveitalo, nin o coidou a xeito), que tivo alí o Cárcere do partido e que llo devolveu ao Estado, porque “non podía sostelo”, pasando pouco despois a mans do Bispado de Lugo e finalmente á Orde da Mercé que en agosto de 1.896 lle deu nova vida comunitaria.

En datas que polo de agora descoñecemos, diante da manifesta nugalla municipal, os Hospitaliños foron derrubados e, como sucedeu con outros materiais do mosteiro, pedra, madeiras e lousa foron literalmente roubados  para aproveitamentos particulares. 

Dalgún xeito a vella tradición de acollida de peregrinos recuperouse polos relixiososo mercedarios, e agora, en parte de onde estiveron os Hospitaliños, o Albergue do Mosteiro da Madalena, por cesión de espazos en aluguer, segue a recibir peregrinos 820 anos despois da fundación feita polos pioneiros relixiosos italianos, cuxo recordo evocamos aquí. 

E o letreiro de “Charitas aedificat“, grabado no vello limiar da porta baixa é o elo que fala da liña constante dos vellos e os novos xeitos da pelerinaxe.

Charitas aedificat / Ana López

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...