HomeMedio ambiente e PatrimonioA licitación a restauración dos retablos da igrexa dos Escolapios

A licitación a restauración dos retablos da igrexa dos Escolapios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade licitará a vindeira semana o contrato de restauración de oito retablos e outros elementos da igrexa do colexio do Cardeal de Monforte de Lemos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Os traballos que teñen un investimento de 86.821 euros, sumanse ás obras de rehabilitación do inmoble que están en execución e nas que inviste 420.000 euros. As obras a licitación incluirán a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros. “Trátase, en definitiva, de culminar a posta a punto da igrexa, en coherencia coa recente declaración como Ben de Interese Cultural e no marco do esforzo que a Xunta está a realizar pola recuperación do patrimonio da Ribeira Sacra”, apunta o delegado territorial.

Arias constatou que as obras de conservación da estrutura marchan a bo ritmo e poderían estar rematadas no outono. Afectan á igrexa, o claustro e as áreas de visita pública, e resolverán as afeccións que sufre o inmoble, entre elas as gretas provocadas polo célebre terremoto de Lisboa de 1.755 que, aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas, é preciso corrixir. 

A intervención suporá evitar as filtracións na cuberta do presbiterio, arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa -que se reformou por última vez no ano 1.835-, reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos que afectan tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles.

Expoñente do clasicismo herreriano

O colexio Cardeal de Monforte de Lemos, tamén coñecido como colexio de Nosa Señora da Antiga e Escolapios, está protexido polo seu valor cultural, xa que foi decretado Ben de Interese Cultural (BIC) en febreiro deste ano e ademais está incluído na delimitación doutros dous BIC: o conxunto histórico de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.

O inmoble é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. Amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súa adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros.

Cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural da súa pinacoteca con obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba

ÚLTIMAS

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...