A Láncara chegará o autobús-cociña que abandeira esta iniciativa coa que a Deputación de Lugo quere axudar a dinamizar a economía da provincia. O cociñeiro, Santi Almuíña do Mesón Colón (Nadela) cociñará galo de Mos en tres coccións con San Simón. Unha receita que explicará polo miúdo e da que dará a proba aos asistentes.
Programa Láncara – Sábado, 28 de agosto Praza dos Labregos (Pobra de San Xiao)
12:00 Apertura
12:00 – 14:00 Obradoiro de cociña para nenos e nenas
12:15 Demostración culinaria e degustación
13:00 Charla informativa sobre a Galiña de Mos, a cargo de Francisco Monasterio, presidente da asociación de criadores da Galiña de Mos (AVIMÓS), e Diego Rois, director técnico de AVIMÓS
13:30 Animación musical: Val de Láncara
18:00 Espectáculo do Mago Rafa
19:00 Sorteo de lotes de produtos de proximidade
19:30 Actuación musical: Jotinho’s
20:00 Degustación de produtos
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, sinala que “é un programa deseñado dende o prisma de que estamos atravesando unha pandemia, por iso son actividades seguras onde temos persoal supervisando o cumprimento das medidas, os participantes gardan a distancia, á vez que lle botamos unha man aos nosos produtores e comerciantes”.
Balance positivo do Saborea
Pilar García Porto explica que o programa Saborea a túa provincia tivo moi boa acollida en todas as localidades nas que estivo este mes de agosto. “Estamos satisfeitos porque a xente participou nas diferentes actividades que se programan, tanto nas pensadas para os pequenos da casa como nas degustacións e actuacións musicais. O balance é moi positivo”, apunta a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.
O recinto do Saborea instálase en puntos céntricos das vilas, “un feito que percibimos que anima tanto a veciños como visitantes a dar un paseo e desfrutar desta iniciativa, ata algúns repetiron en varias localidades”.
Explicou que dende un primeiro momento “se tiveron en conta as restricións e pautas indicadas polas autoridades sanitarias para cada municipio, reforzando incluso as medidas para controlar os aforos, acoutar o recinto e entregar envases individuais, primando sempre a seguridade dos participantes”.
Saborea a túa provincia nace con vocación de continuidade “porque responde ó modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explica Pilar García Porto.