HomesociedadeÁs zonas máis afectadas polos incendios de Ribas de Sil aplicaráselles "mulching"...

Ás zonas máis afectadas polos incendios de Ribas de Sil aplicaráselles “mulching” para evitar escorrentías

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse cos alcaldes dos concellos de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela; de Quiroga, Julio Álvarez; e da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, para trasladarlles as actuacións que levará a cabo a Consellería do Medio Rural nas zonas máis afectadas polos incendios rexistrados a semana pasada no concello de Ribas de Sil.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Manuel Rodríguez adiantoulles aos rexedores que se aplicarán técnicas de mulching nas zonas más danadas, que son entre o 5 e o 10% da superficie total afectada. Esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) e lévase a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé.

O director xeral informou aos rexedores de que os técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán constataron que o solo sufriu un nivel de afección baixo, malia a orografía abrupta e con pendentes acusadas na zona. “Así, en gran parte do terreo afectado comprobouse que a boa xestión do monte e a rápida actuación dos medios de extinción axudou a que ese dano fora menor. Isto significa que cando os solos sufriron ese nivel de dano, ningunha das súas propiedades físico químicas foi alterada e a capacidade de que se mobilicen arrastres erosivos de importancia neses solos é moi baixa”, sinalou.

Nesa primeira avaliación preliminar, constatouse que o lume provocou o soflamado das copas das árbores, o que derivará na caída das follas que farán de barreira natural e protexerán o solo. Neste senso, o director xeral explicoulles que, “tendo en conta experiencias anteriores, esa capa de folla que caerá de forma natural sobre o solo evitará o arrastre de sedimentos en máis dun 95% e ata o 100% cando a cobertura do solo queimado é total.”

No recoñecemento aéreo, tamén se comprobou a falta de afección dos cauces dos ríos afectados, o Sil e o Lor, e a falta de conectividade entre estes e a área queimada. De feito, os técnicos observaron que no fondo das vaguadas existe unha barreira natural de vexetación que evitaría calquera arrastre de cinzas aos cauces dos ríos.

Nesta liña, Manuel Rodríguez subliñou que a vexetación dominante nas zonas afectadas polos lumes de Ribas de Sil son masas de Pinus pinaster maduro, o que augura unha boa rexeneración natural nos vindeiros meses. Doutra banda, na parroquia de Nogueira a maior porcentaxe de superficie afectada foi de matogueiras de breixo, tamén con boa capacidade de rebrote.

Dos incendios de Ribas de Sil, o primeiro afectou unha superficie de 1.592,9 hectáreas, das cales 559 foron de monte raso e o resto de monte arborado. No segundo, a superficie afectada foi de 140 hectáreas, das cales 105 foron de monte raso e 35 de monte arborado. 

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...