Homesociedade“Atención en Saúde Mental para todos: fagámola realidade”

“Atención en Saúde Mental para todos: fagámola realidade”

Con este lema a Organización Mundial da Saúde conmemora o Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro). Segundo este organismo, 1 de cada 4 persoas tivo, ten ou terá un problema de saúde Mental ao longo da súa vida.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A OMS tamén sinala que o impacto da pandemia por covid-19 perdurará a medio-longo prazo, estimando que as persoas que requirirán atención en Saúde Mental será o dobre que o habitual. Prevese que, se non se poñen en marcha as medidas necesarias, os trastornos mentais convértanse na primeira causa de discapacidade no mundo no ano 2030.

No caso de Galicia estímase que un 21,6 % da poboación presentará algún problema de saúde mental ao longo da súa vida, sendo os trastornos con maior prevaleza os relacionados co estado de ánimo e o consumo de substancias. É importante sinalar que estes son datos de estudos previos á pandemia polo que é de esperar que estes se vexan incrementados.

Segundo datos do CIS, desde o inicio da pandemia ata a actualidade, un 6,4% da poboación acudiu a un profesional da Saúde Mental, un 43,7% por ansiedade e un 35,5% por depresión, sendo a demanda de asistencia superior, case o dobre, nas mulleres. No caso das persoas mozas, a franxa de idade entre 18 e 34 anos é a que frecuentou máis os servizos de saúde mental, tivo máis episodios de ansiedade, máis síntomas de tristeza e é a poboación que máis viu modificado o seu estilo de vida habitual debido a esta situación. É importante sinalar que a ideación suicida aumentou entre un 8 e un 10% en poboación xeral, sendo estas cifras máis elevadas no caso de adultos novos.

Facendo referencia ao colectivo de persoas que presentaban alteracións mentais previas, estas poden ter un maior risco de recaída debido á tensión asociada coa pandemia. A situación, nalgúns casos, exacerbou a sintomatoloxía nas persoas que sofren alteracións mentais graves. É importante xerar a seguridade suficiente para que as persoas con problemas de saúde mental sintan reforzada a súa tranquilidade, proporcionando apoios adecuados, constantes e accesibles. Así mesmo dotarlles de ferramentas e recursos de afrontamento co obxectivo de minimizar o impacto da pandemia na súa saúde mental, favorecer a implicación no seu propio proceso de recuperación, ofrecendo intervencións especializadas e acorde ás necesidades de cada persoa.

Nesta situación resulta evidente a necesidade dun aumento urxente dos recursos públicos destinados á atención en saúde mental no noso país. O acceso a este tipo de servizos debe ser global, gratuíto e universal. Para iso é necesario un aumento do investimento destinado a uns recursos que xa eran insuficientes antes da pandemia.

V Concurso Fotoxénica-Mente

Dentro deste contexto, para a V Edición do Concurso Fotoxénica-Mente que organiza Albores, o tema elixido foi a resiliencia entendida como proceso dinámico no que inflúen factores internos, familiares e sociais. Este concepto non significa ausencia de angustia ou dor ante experiencias difíciles, tampouco implica negar ou minimizar o problema, senón aceptar a situación de dor ou incerteza como parte dun proceso para avanzar cara ao benestar psicolóxico, a pesar da adversidade. Como supuxo neste caso a pandemia. As fotografías poden presentarse ata o 16 de decembro, consultar as bases aquí.

Algúns dos factores que inflúen neste proceso están xa presentes desde os primeiros momentos da nosa vida e teñen que ver co tipo de relacións. En concreto, o establecemento de relacións de apego seguro constitúen a base do mesmo, o cal non significa que non continúe evolucionando ao longo de todo o proceso evolutivo: nas interaccións con outros individuos, familia e sociedade. As relacións de confianza tamén nos axudan a minimizar estímulos ameazantes, aportando sentimentos de amparo, seguridade, afecto e pertenza.

Por outra banda estaría o feito de aceptar o cambio como algo inevitable e parte dunha evolución. A realidade leva en ocasións a modificar expectativas e plans, que provocan sentimentos de indefensión ou frustración. Aceptar isto, axúdanos a centrarnos naqueles aspectos que si son modificables. Unha frase que describe e resume este concepto sería: “A resiliencia non fai que os teus problemas desaparezan, pero si que poidas ver máis aló eles”. Por todo iso, resulta fundamental que todas as persoas teñamos en conta a importancia de identificar cando as nosas estratexias de afrontamento se ven desbordadas e nese momento solicitar axuda profesional especializada. Por outra banda, a rede de saúde mental debe estar organizada de maneira que se normalice, facilite e axilice o acceso a estes servizos públicos.

ÚLTIMAS

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...