O obxectivo deste curso é dotar ás mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero. Imparte a actividade persoal instrutor de Fegaloita, cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero.
Ofrécese formación nun conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións. Non se quere ensinar a pelexar. O fin é poder escapar desas situacións ilesas ou co menor dano posible, para despois utilizar as vías legais de protección e denuncia. As técnicas impartidas teñen como obxectivo conseguir fuxir. Amosarase como utilizar obxectos cotiás como as chaves, os móbiles, os bolsos….
Trátanse aspectos legais, psicolóxicos, estratéxicos, físicos e por suposto de prevención, xa que se entende que esta última é a que pode evitar nun momento determinado que chegue a producirse a agresión (recomendacións en portais, garaxes, vehículos, na rúa,…).
Monforte en Negro
Este curso forma parte da campaña Monforte en Negro, ideada dende o Concello, e que se desenvolve entre o 17 e o 30 de novembro. Desde este venres permanecerán colocadas pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na rúa Cardenal.
Ó igual que o ano pasado, levarase a cabo a proxección sobre a Torre da Homenaxe do lema da campaña, que terá lugar o propio día 25 de novembro dende as 6 e media da tarde e ata as 12 da noite, para concienciar a toda a cidadanía en contra das violencia. Instalarase un vinilo específico desta campaña no Bus Urbano do Concello, para aumentar así a visibilidade e a forza da mensaxe que se quere transmitir.
O resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, son:
- Mesa “Exprésate contra a violencia de xénero”, que estará ubicada na Casa do Concello, cun libro de sinaturas para todas aquelas persoas que o desexen poidan deixar escritas nel as súas mostras de repulsa contra a violencia de xénero..
- Actos, xoves 25 de novembro: darán comezo ás 12:00 horas, Lectura do Manifesto na Praza do Concello, que será lido pola Concelleira de Muller e Igualdade. Posteriormente, levarase a cabo unha acción poética a cargo da escritora monfortina, Margarita Rodríguez Otero. E o acto rematará cun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia machista.
- Obradoiros para alumnado de 3º da ESO e 6º de Primaria dos centros de ensino de Monforte.
- Mesa de Coordinación para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero, venres 26 de novembro ás 12:00 h. no Centro Cívico. Esta mesa está composta por profesionais de toda a comarca de Lemos que pertencen a distintas áreas de intervención: Social, Educativa, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Xustiza, Colexio de Avogados, Sanitarios,…Todas as reunións da Mesa de traballo inícianse cunha sesión formativa que nesta ocasión versará sobre a “As manifestacións da violencia de xénero. Normativa aplicable” e será impartida en liña por María Paz Filgueira Paz, Maxistrada especialista en violencia de xénero.
Centro de Información á Muller
O Centro de Información á Muller do Concello (CIM) prestou atención ás mulleres especialmente durante a pandemia, estando dispoñible as 24 horas. O incremento no número de mulleres atendidas polo CIM aumenta ano a ano:
- Ano 2019, atención a vítimas de violencia de xénero: 281.
- Ano 2020, atención a vítimas de violencia de xénero: 325.
- Ano 2021, (ata o 15/11/2021), atención a vítimas de violencia de xénero: 359.