HomeMovementos sociaisNace na Comarca de Lemos a plataforma reivindicativa “Bóveda existe!”

Nace na Comarca de Lemos a plataforma reivindicativa “Bóveda existe!”

Un colectivo de xente con diferentes inquedanzas dinamizadoras está dándolle forma a un movemento social que busca poñer ao Concello de Bóveda no lugar que merece.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Bóveda está dentro do xeodestino Ribeira Sacra e pertence á Comarca de Lemos, sendo o máis pequeno en extensión e o menos poboado dos cinco que conforman este territorio.

Trátase dunha zona de transición entre o Val de Lemos e a montaña, xa presente no concello veciño do Incio, e non destaca na contorna por dar grandes titulares á prensa como si o fan outros concellos. Podemos dicir, quizais, que é un concello dos moitos que hai no sur de Lugo que pasan o ano “sen pena nin gloria”.

Neste senso, e para asomar máis a cabeza, algunhas veciñas e algúns veciños queren reivindicar a importancia de Bóveda e berrar con forza “Bóveda existe!”.

Podemos dicir, quizais, que é un concello dos moitos que hai no sur de Lugo que pasan o ano “sen pena nin gloria”

Un berro co que foi bautizada xa unha plataforma que está xermolando no concello este 2021 e que ten como obxectivo dar a coñecer as potencialidades, pouco coñecidas e das que pouco se presume na actualidade.

“Non teremos viñedo, nin Camiño de Santiago, nin xacementos arqueolóxicos como están aparecendo en concellos da contorna, pero temos outras cousas”, comenta unha das activistas. Neste senso lembra que o concello conta cunha das feiras etnográficas máis importantes de Galicia, ‘Outrora’ e tamén cunha gran ruta de sendeirismo, “A Ruta de Penacova”, que pasa pola ferrería restaurada de Penacova, “outro elemento etnográfico de grande interese do concello que case ninguén coñece”, reivindica a nosa interlocutora.

Comenta tamén que non saben vender outros monumentos e lugares de interese do concello, que xa quixeran ter moitos, como por exemplo: a Igrexa de San Martiño de Bóveda, a Capela de San Xil, a Capela do Divino Ecce Homo de Rubián, a Igrexa dos Santos Pedro e Santiago –tamén en Rubián– o Pazo Viance ou o Miradoiro da Serra de Penas. “E todo iso sen mencionar a esplendorosa rotonda que lucimos con orgullo no cruce da LU-652 e a LU-546”, comenta con retranca a nosa informante.

“E que pouco se fala do noso polígono ou tamén de que somos potencia en carnes ou en mel…” retruca un membro referíndose neste caso ao apartado empresarial.

“E todo iso sen mencionar a esplendorosa rotonda que lucimos con orgullo no cruce da LU-652 e a LU-546”,

Rotonda de Bóveda / XdL

SABERSE VENDER

Será, logo, un problema de non saberse vender, co importante que é isto nos tempos que corren?. “Se non se fala dun non se existe”, comenta outro rapaz uníndose á nosa conversa. E engade, “temos que levar a Bóveda por bandeira e dar a coñecer todo o bo que temos; somos un concello pequeno pero rascando poden saír mil cousas… mirade para Sober, por exemplo, sácanlle punta a todo (ri)”.

A partir das premisas comentadas, a idea desta plataforma é ir conformando un grupo de traballo con veciñas e veciños para dinamizar o Concello de Bóveda e poñelo máis no mapa.

Queren que se vexa o seu concello como un fermoso lugar onde vivir e como un espectacular destino para visitar. “Xa está ben de pasar sen pena nin gloria na Comarca de Lemos, Bóveda existe!”, din a unha voz os nosos interlocutores.

—— Noticia ficticia / 28 de decembro / Santos Inocentes —————–

ÚLTIMAS

Este 18 de xaneiro preséntase o tomo IX de Alicerces

O acto de presentación terá lugar este sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal...

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...

Granxas familiares, un modelo en risco?

O 95 % das granxas que hai en Galicia seguen sendo familiares. Grazas á...

A Gándara de Monforte triunfa no Galego de Cross Escolar

Na categoría cadete feminina, o equipo da Gándara formado por Sabela Nieves, Sara Pérez,...