O Autobús Urbano de Monforte alcanzou os 52.685 usuarios no pasado ano. O dato é certamente relevante porque “a media mensual neste 2021 supera ás 4.400 persoas ó mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico no que superamos a cifra de 52.000 viaxeiros”, destaca o Alcalde.
O novo bus urbano gratuíto de Monforte transportou, en 2020, un 140% máis de persoas que en 2019, e en 2021, supuxo o 265% máis de viaxeiros, “o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.
Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios en 2021 foi o seguinte:
Mes | Número de viaxeiros |
Xaneiro | 3.209 |
Febreiro | 3.729 |
Marzo | 4.189 |
Abril | 4.297 |
Maio | 4.667 |
Xuño | 4.395 |
Xullo | 4.179 |
Agosto | 4.280 |
Setembro | 4.605 |
Outubro | 5.498 |
Novembro | 5.447 |
Decembro | 4.190 |
Total | 52.685 |
O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso.”
O Bus Urbano que comezou o seu servizo en Monforte o 1 de febreiro de 2020 é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.
Neste senso, o Alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.