HomeCulturaLuz Moscoso, pintora: "Eu aprendín debuxo vendo a Picasso e cor do...

Luz Moscoso, pintora: “Eu aprendín debuxo vendo a Picasso e cor do Impresionismo”

Esta artista inaugurou o pasado 1 de abril unha exposición de pintura na sala de exposicións da Casa de Cultura de Quiroga, mostra que se pode visitar ata o 30 deste mes. Contactamos con ela para saber máis da súa faceta pictórica e das súas inquedanzas creativas.

Publicado o

- Advertisement -

O primeiro que facemos é preguntarlle a Luz Moscoso pola súa procedencia. Empezamos ben porque xa nos contesta con moita retranca son como a estación de Renfe de San Clodio-Quiroga”. E a continuación aclara e dános os porqués, “crieime no Poboado de Sequeiros, que pertence ao concello de Ribas do Sil, así que son natural de Ribas do Sil. Adoito dicir que son quiroguesa porque a miña familia veu a Quiroga ( para nós era a capital ) cando eu tiña 18 anos. Son de todo este precioso val, en definitiva”.

Son como a estación de Renfe de San Clodio-Quiroga”

A nosa interlocutora cóntanos tamén que estudou en San Clodio ata os 9 anos, idade na que se trasladou a Lugo para continuar os estudos, e despois a súa traxectoria vital levouna por varias cidades. “Non vivín con domicilio permanente en Quiroga nin San Clodio, pero sempre mantiven a relación con ambos”, refire. Actualmente vive en Vigo.

Tras contactar coa Casa da Cultura de Quiroga para dar a coñecer a súa obra propuxéronlle a Luz Moscoso facer unha exposición no mes de abril, mes no que se celebra a Feira do Viño. E así foi como concretaron esta mostra de pintura que se pode ver ata o 30 de abril na sala de exposicións que hai no baixo do edificio multiusos cultural do concello. “Facíame ilusión expoñer no meu pobo”, confesa. Para acceder á exposición hai que dirixirse ao persoal que haxa no edificio que abrirán as portas aos visitantes interesados e a autora confírmanos que estará por alí do venres santo ao domingo algunhas horas facendo de anfitrioa.

Cartel cunha das súas obras expostas.

Con esta información previa, para situar á nosa protagonista na Comarca de Quiroga, empezamos xa a entrevista.

Cando crees que naceu en ti o interese pola pintura? Foi vocacional e tardou en xermolar?

Empecei a interesarme sobre os dez anos. Lembro que a xente tamén me recordaba debuxando e pintando desde entón, un pouco a tempadas, porque tamén me gusta facer outras cousas, claro.

Neste eido, que formacíón fuches adquirindo?

Fixen varios cursos na Facultade de Belas artes, en Pontevedra, que deixei por incompatibilidade co meu traballo. En Vigo fixen formación en grafiti, que me chifla. E fórmome tamén vendo o que fan outros: vou con frecuencia a exposicións e o primeiro que fago cando viaxo a unha cidade é percorrer os seus museos.

“… fórmome tamén vendo o que fan outros”

Como definirías ou teu estilo ou estilos, e que influencias tes á hora de pintar?

Agora é cando digo: encántame que me fagas esta pregunta. Aos catorce anos encantábame o Guernica. Picasso dicía que era un debuxante en busca da cor e que Matisse era un colorista en busca do debuxo. Eu aprendín debuxo vendo a Picasso e cor do Impresionismo. Isto é, primeiro desenvolvín “o trazo” e despois aprendín o uso da cor. O último movemento que me marcou foi o Expresionismo Abstracto americano, ata o punto de tomar un avión a Bilbao para ver unha monográfica no Gugenheim. Dito o cal, hoxe calquera cidadán está en sobreexposición permanente a imaxes. Se tes a mirada traballada para comprender cadros, aprendes pintura só con velos porque descifras as técnicas que empregou o artista. Iso leva a unha cadea infinita de influencias, normalmente inconscientes. En canto ao meu estilo, está moi afastado do realismo (a exposición actual é do máis canónico que fixen) e de pintar ao detalle con pincel pequeno. A xente que viu cadros meus di que os recoñece polo meu trazo (debuxo) característico, moi solto e moderno. Despois de anos escoitando o mesmo, quero pensar que é así, que teño un estilo propio moi marcado, é o que todo artista desexa conseguir.

“O último movemento que me marcou foi o Expresionismo Abstracto americano, ata o punto de tomar un avión a Bilbao para ver unha monográfica no Gugenheim”

Que importancia ten a fotografía nas túas obras e que técnicas empregas?

É unha das miñas formas de traballar, usar fotos como inspiración. Son fotos miñas, tamén láminas de cadros de séculos atrás ou ben anónimas (por exemplo: un retrato de can da exposición parte dunha foto que vin nun veterinario, un can de palleiro ofrecido en adopción… aínda que nin o dono do can o recoñecería no cadro). Unha das pintoras vivas máis cotizadas actualmente, Marlene Dumas, traballa así. Recentemente lin o que recolle dela Wikipedia e flipei, porque describe a súa técnica e é exactamente o que fago eu. Copiaríame? (risas).

“É unha das miñas formas de traballar, usar fotos como inspiración”

É a primeira vez que fas unha exposición en Quiroga? Como foi o contacto para traer a túa obra aquí?

Si, é a primeira vez. Ocorréuseme hai uns meses. Contactei coa Casa da Cultura e propuxéronme abril, pola Feira do Viño. Quizais podería térselle dado máis difusión, pero está ben para empezar. Facíame ilusión expoñer no meu pobo. Pode resultar tópico ou irrelevante, pero como son un pouco de ningures (a miña traxectoria vital foi moi itinerante), valóroo moito.

Luz Moscoso facendo de guía na súa exposición / XdL

As obras expostas están á venda?

Por un prezo tan reducido que non se corresponde coa valía dos cadros, marco incluído (risas). Xa en serio, plantexeima máis como unha mostra do meu traballo que como exposición orientada á venda.

Para rematar, cónstanos que a túa inquedanza polas artes non se reduce á pintura… tamén che interesa o teatro, a escritura…

Si, tampouco son orixinal niso. Como millóns de artistas, formeime e fixen ou fago: pintura, escultura, escritura (relatos, poemas), teatro, monólogos, danza contemporánea e ata bailes de salón e curtametraxes. En Teatro teño un par de premios de grupo, da Xunta. Fixen un taller fantástico con Leo Bassi, por dicir alguén coñecido do gran público. Así que espero que haxa máis capítulos no meu pequeno currículo.

ÚLTIMAS

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...