HomePolíticaFolgoso do Courel pide por unanimidade mellorar o servizo de ambulancia e...

Folgoso do Courel pide por unanimidade mellorar o servizo de ambulancia e Pedro Lemos estréase como concelleiro

O pleno do concello de Folgoso do Courel foi aproveitado para que Pedro Lemos López tomara posesión como concelleiro do equipo de Goberno en substitución da concelleira de Medio Ambiente e Servizos, Natalia López López.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Folgoso do Courel pedirá que se mellore o servizo de ambulancia do 061 no concello, xa que o pleno vén de aprobar por unanimidade a moción presentada por Courel Vivo a este respecto, cunha emenda do equipo de goberno, tamén aprobada. Nela indicaban que parte das demandas de Courel Vivo xa foran trasladadas polo Goberno local ao 061 e ao propio conselleiro.

A alcaldesa aclarou que o Concello é un dos poucos da provincia, xunto con Pedrafita, “que ademais de dispor da ambulancia do PAC ten unha a maiores que é accesible para entrar en calquera lugar do Concello. Hai outros similares, como Cervantes, nos que non dispoñen deste servizo.”

A rexedora explicou que solicitar unha ambulancia de maiores dimensións pode impedir que o acceso se siga facendo como se fai agora, pero que todos os medios sanitarios son sempre benvidos, polo que apoiaron a petición. O equipo de Goberno tamén demanda na súa emenda que cando se aprobe o próximo concurso se dote ao servizo de dous técnicos para facer as gardas de noite e poder atender así as emerxencias en mellores condicións. Pediuse tamén eliminar a proposta do Grupo da oposición sobre a creación dunha base das ambulancias, ao considerar que esta decisión debe responder a criterios exclusivamente técnicos e que estas non deben saír dos propios centros médicos. O pleno tamén aprobou unha proposta do PP para mellorar a cobertura e Ftth (fibra) no concello.

Pola súa banda desde Courel Vivo aseguran que se volven facer plenos cada dous meses, como marca a lei, despois da súa reclamación ante o Defensor del Pueblo. “Era unha falta de respecto para a veciñanza, estar 3 meses sen render contas. Falta de respecto tamén a eses concelleiros que ían andando moitos km , cada domingo ós plenos, con máis dificultades que agora. Mesmo desde CV propuxemos que eses dous plenos , non se lle cobrasen á veciñanza, desestimaron a idea. Aínda así recoñeceron que se equivocaran e que se volverán a ter cada 2 meses.”

O equipo de Goberno asegura que ata o de agora celebrábanse os plenos cada tres meses por un motivo de operatividade e para ter maior liberdade á hora de fixar sesións extraordinarias.

Pedro Lemos, novo concelleiro do equipo de Goberno en substitución de Natalia López

O pleno do concello de Folgoso do Courel foi aproveitado para que Pedro Lemos López tomara posesión como concelleiro do equipo de Goberno en substitución da concelleira de Medio Ambiente e Servizos, Natalia López López.

A edil saínte renunciou ao seu posto como concelleira por motivos laborais, para incorporarse como auxiliar da axuda a domicilio, desde onde, asegura, “seguirei traballando polos veciños e veciñas do Courel, pero cunha responsabilidade diferente”.

Natalia explica que o seu paso polo Goberno local, do que forma parte desde o ano 2016, supuxo unha experiencia “moi enriquecedora” na que o seu obxectivo estivo sempre centrado en “axudar á xente do Courel”.

Pedro Lemos López, de Ferramulín, asume a Concellería de Medio Ambiente e Servizos Socias tras a toma de posesión no Pleno desta tarde. Súmase ao equipo de Goberno “con ilusión e ganas de axudar naquilo que se poida”.

ÚLTIMAS

A Copa de España de Descenso chega esta fin de semana ao Páramo coa disputa do BTT DH Molinos

Este luns pola tarde presentouse o BTT DH Molinos, co aliciente engadido de formar...

8.000 maiores do sur da provincia xa poden beneficiarse das facilidades do Carné +65

Máis de 8.000 maiores da comarca de Lemos (entre os 81.000 da provincia de...

Quedan prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais de particulares

A prohibición de queimas para particulares dos restos agrícolas e forestais implica que non...

30 candidaturas presentaron en Monforte a solicitude para participar no Concurso de Premios do Deporte 2025

O Concello de Monforte vén de anunciar as 30 candidaturas que se presentaron para...