Ruxe-Ruxe, ademais dun grupo galego de Rock, é un establecemento hostaleiro de Quiroga, mítico por ser dende hai moitos anos o típico local total, que fai de bar restaurante durante o día e de sala de concertos e pub-discoteca pola noite. O local, que en vilas como Quiroga convértese case nun centro social, servía para quedar cos amigos e amigas; para arranxar o mundo e botar uns contos; para petiscar ou gozar do comer en abundancia; para celebrar encontros de amigos, de compañeiros/as de traballo ou reunións familiares; para ver actuacións en directo e tamén para tomarlle uns cacharros e bailar toda a noite.
Tras unha dura pandemia, na que o local estivo moitos meses pechado, este 2022 chegou unha nova xerencia interesada en darlle unha nova vida ao local. O pasado San Xoán celebrábase a apertura do novo Ruxe-Ruxe, xa con Erik González ao fronte da aventura, e segundo sabemos foi todo un éxito. Había ganas de volver ao Ruxe e curiosidade por saber quen e como vai sacar adiante este novo proxecto en Quiroga.
Cando lle preguntamos a Erik por esta aposta dinos que “a cousa empezou como unha broma e ao final lieime, fixen un proxecto e cheguei a un acordo cons propietarios do local para mercalo”.
A súa idea partía de cambiar o ambiente do Ruxe, darlle unha nova imaxe e que se vise como un restaurante novo. Sen perder as posibilidades do local como pub a prioridade actual para Erik e o seu equipo é darlle preferencia a comer ben e a gusto, “que haxa un ambiente aberto e propicio tamén para familias con nenos”.
Sen perder as posibilidades do local como pub a prioridade actual para Erik e o seu equipo é darlle preferencia a comer ben e a gusto
Neste sentido, o novo Ruxe-Ruxe estalle dando un impulso á grella e ás racións sen esquecer as ensaladas, as pizzas e os bocatas. “Imos potenciar a que consideramos unha das mellores parrillas da zona”, sinala Erik ao tempo que expresa a ledicia que sente vendo que o comezo está sendo espectacular. Dende a apertura en San Xoán a resposta dos clientes está sendo moi boa. “A xente dános a noraboa e di que a comida está exquisita, temos moi boas reseñas en google e xa notamos tamén que nos chega xente de sitios como O Barco, A Rúa ou Monforte”.
Segundo refire o anfitrión, o obxectivo é dar a imaxe de limpeza, de calidade do produto e das elaboracións e potenciar a terraza, un lugar moi acolledor e que coa reforma gañou bastante espazo. Erik lembra tamén que todas as elaboracións son propias. Preguntamos xa por algunha suxestión da casa e dinos “os nachos e a pizza de polbo están triunfando”.
“A xente dános a noraboa e di que a comida está exquisita, temos moi boas reseñas en google e xa notamos tamén que nos chega xente de sitios como O Barco, A Rúa ou Monforte”
EQUIPO DE TRABALLO E CARTA
Almudena é a responsable de cociña e catro persoas máis están contratadas para sacar adiante o novo Ruxe-Ruxe de mércores a domingo, días de apertura do establecemento.
Refire Erik que é unha aposta forte en contratación pero hai que facela para dar un bo servizo. Ademais, todo o persoal contratado é da comarca, “a miña intención sempre foi contratar xente da zona”.
No que respecta á carta pódese atopar unha ampla oferta de racións, táboas de embutidos e queixos, nachos, hamburguesas e bocatas; e tamén pizzas, ensaladas e sandwiches. Como punto forte, aproveitando o potencial da grella, ofrécese tamén churrasco, chuletón, entrecot, brocheta de verduras e peituga de polo marinada. Todo o que figura na carta pode pedirse para levar, desaconsellando Erik neste caso todo o que pase pola grella.
O horario de verán é de 12:30 a 16:30 h. polas mañás e de 20:00 a peche polas tardes-noites. Para reservas, principalmente redes sociais e teléfono 982 091909.