HomesociedadeDo 5 ao 9 de agosto Monforte celebra a XXII edición de...

Do 5 ao 9 de agosto Monforte celebra a XXII edición de Artelemos

O concello vén de presentar esta cita que é a antesala das Festas Patronais da cidade, dentro do Programa Cultural de Verán, abrindo o mes de agosto coa promoción dos produtos artesáns.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Nesta nova edición de Artelemos participarán 23 profesionais da artesanía, provintes da comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España, que, coma en anos anteriores, ubicaranse na rúa Cardenal, en postos de exposición e venda individuais e agrupados en 6 haimas de 25m2 cada unha, con espazo para 4 artesáns por carpa. A maiores colocarase un espazo destinado á realización de obradoiros e demostracións de oficios.

“Tras dous anos de ausencia, dende o Concello volvemos a apostar decididamente por esta Mostra, dentro do meu compromiso como Alcalde de recuperar todo o calendario de actividades deste ano”, sinala o alcalde.

Todos os postos contarán con tarima, iluminación e rotulación promocional de cada un deles, quedando pechado cada posto ás 22:00 horas, e con vixilancia nocturna para garantir a seguridade das pezas expostas.

O horario durante os 5 días que durará a Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10 a 14 horas, e pola tarde de 18 a 22 horas. O Concello destinou un orzamento de arredor de 12.000 euros para a organización desta 22ª edición de Artelemos.

Artelemos

Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.

“Con esta Mostra”, sinala o Alcalde, “contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais que os clientes esperan atopar: coiro, cestaría, barro, olería, pintura, complementos, xoiaría, xoguetería, cerámica … En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.

Na Mostra, que será inaugurada o venres, 5 de agosto, ás 11:30 h da mañá  e coa actuación do Grupo Municipal de Gaitas do Concello, ademais dos 23 stands adicados á artesanía, poderemos ver en vivo a elaboración de pezas, con diversas demostracións ao longo dos días de duración do evento.

Tamén haberá diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día. Estas actividades, que son un complemento á propia Mostra, organízanse ano a ano porque sempre acadaron un notable éxito entre o público asistente. 

O Alcalde concluíu a súa intervención animando a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que nos visitan nestes días de verán, a que se acheguen a visitar esta 22 edición de Artelemos no Cardenal, e que se aposten polos produtos artesáns que alí se atoparán, que contan con todas as garantías de fabricación e de calidade. Porque apostar polos artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura”.

ÚLTIMAS

Quiroga presenta un amplo programa para celebrar a súa XLIII Feira do Viño

O programa ábrese o venres día 18 coa cata de espumosos, que se desenvolverá...

Atopan unha persoa falecida no interior dun coche que se saiu da vía en Sarria

Unha persoa perdeu a vida tras incendiarse o seu vehículo despois de saírse da...

Convócase o Concurso de Atletas e Clubs máis destacados do ano 2024 no concello de Monforte

O concello de Monforte convoca o Concurso para determinar os/as atletas e clubs máis...

Xornadas divulgativas sobre as escavacións no Monte Cido

Arias participou na inauguración das xornadas divulgativas sobre as escavacións no Monte Cido, onde...