HomeComarca de ChantadaChantadaChantada presenta cartel e programación completa das Festas Patronais

Chantada presenta cartel e programación completa das Festas Patronais

Os festexos, que serán do 26 ao 30 de agosto, terán grandes atractivos como o tradicional Folión de Carros, o certame de Bandas de Música, o concerto de Treixadura e as actuacións de orquestras como París de Noia, Os Satélites e a Panorama.

Publicado o

- Advertisement -

Este martes 26 de xullo tivo lugar diante da Casa da Cultura de Chantada a presentación do cartel anunciador e da programación das ‘Festas Patronais 2022’ que terán lugar entre o 26 e o 30 de agosto.

No acto estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, o autor do cartel deste ano, Alejandro García, o técnico de Cultura, Ramón Caamaño e o colaborador da organización, Rubén González.

O cartel deste ano é, segundo palabras do autor, “unha homenaxe aos avós e avoas deste pobo, ás gandeiras/os e labregas/os que son os que sacan adiante esta comarca…” Nel destacan tamén, e así o sinalou o creador, a imaxe dun carro e dous edificios da vila como son a Casa da Cultura e a Igrexa.

Cartel. Autor: Alejadro García

Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura, referiuse ao programa e mencionou, por exemplo, algunhas novidades nas Festas Patronais deste ano. Lembrou que non haberá carrilanas o venres, substituídas por una gala para nenas e nenos con xogos e música na praza Santa Ana; dixo tamén que as atraccións estarán situadas na explanada da rúa Taboada e que a guina ao desfile do Folión de Carros de Chantada –sábado 27 de agosto– será o concerto de Treixadura.

BREVE RESEÑA DO PROGRAMA

O venres 26 de agosto, ademais da gala infantil devandita, haberá pola noite dous interesantes concertos a cargo dos grupos locais Tiam Gz e Rastreros –na Praza do Pavillón– e a continuación un Festival de DJs.

O sábado 27 haberá pasarrúas da agrupación tradicional da Casa da Música con Cabezudos e actuación da Banda de Gaitas do Concello de Chantada. E xa pola tarde, desfile do Folión de Carros previo ao pregón a cargo do poeta, profesor e xornalista galego, Luis González Tosar. E como remate, actuación de Treixadura –Praza de Santa Ana–.

Para o domingo 28 de agosto música de rúa e XXXI Certame de Bandas de Música na Praza do Cantón. Actuarán a Banda de Música de Chantada, a Banda Filarmónica de Lugo e a Agrupación Musical de Limia. Pola noite, verbena coas orquestras París de Noia e Tango.

O luns 29 máis música de rúa, actuación da Banda de Silleda, festa infantil con inchables e fogos artificiais. Pola noite, verbena con La Fórmula e Grupo Assia.

E como remate aos festexos, o martes 30 terá lugar a Festa da Empanada no Campo do San Lucas e pola noite fin de festa espectacular coas orquestras Panorama e Os Satélites.

Manuel Diéguez quixo, para rematar, facer público un agradecemento extensivo a todo o persoal municipal que axuda na realización destas festas, á asociación cultural Amigos do Folión de carros de Chantada, á Banda de Música de Chantada, a Rubén Eyré e a todas as persoas que colaboran para que todo o pobo chantadino poida desfrutar de novo das nosas festas patronais.

ÚLTIMAS

Daveiga, dende o 2005 apostando polo desenvolvemento da contorna máis próxima

Lugar da Veiga S.L.L. nace no 2005 aínda que o proxecto levaba varios anos madurando...

O 12 de abril comeza un programa piloto para visitar as igrexas da Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra coa maior concentración de arte románico rural de Europa é un...

A D.O. Ribeira Sacra no Salón Gourmets de Madrid do 7 ao 10 de abril

O Salón Gourmets, na súa 38ª edición, consolídase como o evento europeo de referencia...

“Coreografías do facer: imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen”, a exposición na igrexa nova de Chantada

A igrexa nova de Chantada acolle ata o 20 de abril a exposición "Coreografías...