HomeComarca de QuirogaRibas de SilRibas de Sil prepárase para a súa primeira 'Festa do Viño'

Ribas de Sil prepárase para a súa primeira ‘Festa do Viño’

Será os días 12 e 13 e desenvolverase en paralelo ás Festas Patronais de San Clodio que chegan con moitas novidades como a recuperación dos fogos artificiais o día 14 pola noite.

Publicado o

- Advertisement -

Despois do parón de 2 anos por mor da pandemia, volven as Festas Patronais a San Clodio, capitalidade do Concello de Ribas de Sil, na honra á Virxe da Asunción.

Unha das novidades que marcará esta edición é a celebración dunha ‘Festa do Viño’ que terá lugar os días 12 e 13 de agosto na Praza do Concello. Segundo palabras de Roberto Castro, tenente de Alcalde de Ribas de Sil, “o concello adquiriu uns stands de madeira para a Festa da Cereixa e pensouse en aproveitalas para facer unha festa do viño con adegueiros da zona”. A intención é introducir cousas novas nos festexos e probar se funcionan, co cal 6 adegueiros da zona darán a coñecer os seus viños estes dous días. As adegas presentes, todas do Val de Quiroga, son: Casa Outeiro, EDV Viticultores, Pazo LaCuesta, Val de Quiroga, Atrium Vitis e Lar de Ricobao.

Conta tamén Roberto que teñen outra idea, pero que para este ano non se chega a tempo, que será facer unha recreación da chegada do tren a San Clodio tal como se fixo no ano 1883 coa inauguración da liña na que estaba presente o Rei Alfonso XII e a raíña María Cristina.

Seguindo coas novidades do programa de festas deste ano, cómpre salientar a esperada volta dos Fogos Artificiais. Despois de dez anos de ausencia regresan pero non o farán dende a súa tradicional ubicación da Ponte Vella por mor do alto risco de incendios. O lugar escollido será na Praia Fluvial, na zona das porterías, e cun espectáculo diferente ao doutros anos, máis controlado e que o público poderá vivir incluso de máis preto.

Croquis da ubicación dos Fogos Artificiais / Concello de Ribas de Sil

Dende o concello lembran que este ano, e por primeira vez, non se pediu colaboración económica aos veciños e veciñas para o financiamento das festas, co cal o esforzo municipal vai ser maior.

RESTO DA PROGRAMACIÓN

As Festas Patronais desenvolveranse do 12 ao 15 de agosto tendo como epicentro das mesmas a Praza do Concello e a rúa da estación.

O venres día 12 como benvida ás festas terá lugar un Festival de Música co DJ Dani Daniel, e concertos de música pop e rock da man dos grupos Los Mecánicos e Doc Magoo’s. A partir das 21:30 h. e ata a madrugada.

Banda de Rock Doc Magoo’s / XdL

Para o sábado 13, e pensando nos máis pequenos, haberá Inchables e Festa da Escuma na Praia Fluvial de 11:30 a 13:30 h. en horario de mañá, e de 17:30 a 20:00 h. en horario da tarde. Ao remate, sobre as 20:00 h., merenda e actuación do clow Peter Punk no anfiteatro.

Pola noite, verbena a cargo da orquestra “Gran Parada”.

O domingo 14 farase a tradicional subida ciclista a Torbeo ás 10:00 h. e pola noite ‘Chourizada e criollada’ ás 21:30 h. Xa pola noite, concerto da Banda Folk de Ribas de Sil ás 23:00 h. Fogos Artificiais ás 24:30 h. e verbena co grupo “La Gira”.

Como remate aos festexos, o luns 15 de agosto, pasarrúas de Brabán Gaiteiros, procesión polas rúas de San Clodio na honra da Nosa Señora da Asunción ás 12:00 h. e misa ás 13:00 h.

Pola noite, verbena a cargo da orquestra “Dinastía”.

ÚLTIMAS

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...