A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza en Monforte unha acción de formación profesional e adquisición de competencias básicas na aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios.
O programa do obradoiro consiste de 15 unidades, comezando con nocións sobre as pragas que se dan nos cultivos, seguidas de diferentes aspectos sobre produtos fitosanitarios e medidas tanto de hixiene como de seguridade, xunto co emprego de diferentes tipos de equipamento e outros aspectos relacionados coa materia. Todos os bloques de contido, sexan presenciais, en liña ou mixtos, teñen unha duración de tempo de entre unha e catro horas. A última unidade do curso consiste no exame final, que se desenvolverá de xeito presencial.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende proporcionar aos alumnos do obradoiro os coñecementos necesarios para un uso sostible dos produtos fitosanitarios, tendo sempre como base o respecto polo medio ambiente e a seguridade e hixiene. Así mesmo, o carácter semipresencial desta acción formativa permite harmonizar a vida laboral dos alumnos e a súa conciliación familiar, o que lles posibilita facer parte do curso dende a casa á vez que aprenden sobre o terreo -nas clases presenciais- a empregar distintos tipos de equipamento e recursos.