O Concello de Quiroga vén de facer reconto das visitas aos seus museos municipais dende que se abriron ao público. Segundo indican, 29.039 foron as persoas que se achegaron ata o Museo Etnográfico dende a súa apertura no ano 2007; e 21.796 as que visitaron o Museo Xeolóxico dende que abriu as súas portas no ano 2011. En total 50.834 persoas.
Segundo informa a Radio Televisión Municipal de Quiroga, “no seu primeiro ano de apertura estes centros achegábanse timidamente ao milleiro de visitantes cada un, pero pouco a pouco estas cifras fóronse incrementado ata superar os 5000. Os anos de maior afluencia de visitantes foron os 2017, 2018 e 2019, anos nos que se roldaron as 6000 visitas”
A pandemia interrompeu esta progresión mais todo indica que este 2022 volverán aos mellores números de visitas anteriores. A falta de tres meses para rematar o ano levan contabilizas 3.848 visitas.
Os museos de Quiroga son un reclamo moi importante para visitantes e turistas que chegan á comarca pero tamén un recurso de gran valor para dotar de contidos o Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel. Neste senso, o goberno municipal aposta claramente pola súa consolidación e mellora constante coa incoporación de novas pezas e ampliacións. Nestes últimos anos foi preciso ampliar o Museo Xeolóxico con novas salas e está en proxecto ampliar tamén o Museo Etnográfico.
Os dous museos contan ademais con servizo de audioguía, servizo dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Este sistema electrónico permite realizar visitas guiadas personalizadas, onde un reprodutor dá aos visitantes información detallada, no idioma que escollan.
Segundo información que facilita tamén a RTMQ “as visitas máis numerosas que reciben os museos son as de estudantes, algo que vén motivado pola campaña informativa que realizan dende os museos a todos os centros educativos da comunidade e tamén por formar parte do programa Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia”.