En Quiroga, e dentro da programación do San Martiño 2023, representarase o domingo 13 de novembro a obra teatral “As alumnas” no Auditorio Municipal a partir das seis da tarde. Trátase dun espectáculo dirixido por Fina Calleja, con texto de Paula Carballeira, e con Anabell Gago e Mónica Camaño no elenco.
Dirixido a un público adulto, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.
SINOPSE
Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Porén, son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.
Este mesmo domingo, ás 19:30 h. a Casa da Cultura de Sarria, acolle o espectáculo teatral “GET BACK“, dentro do Ciclo de Teatro Amador de FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado). Esta obra chega da man da compañía Porta Aberta.
Esta peza amósase como un feito casual, anecdótico, pode influír nas vidas dunhas persoas ata mudalas por completo. Escrita nun xénero de realismo social con tinguiduras cómicas, Porta Aberta quere tratar distintos temas que seguen en actualidade no día de hoxe.
SINOPSE
Ambientada no Londres do século XXI, peza transcorre no vagón dun metro onde cinco persoas quedan atrapadas, a raíz da parada temporal da liña Bakerloo por unha avaría e aos poucos vaise descubrindo como deriva “nunha viaxe ao pasado dos personaxes. Unha mirada no seu interior a situacións que desexan cambiar pero non o conseguían”. Deste xeito, o destino permite aos protagonistas que poidan rectificar os erros dos seus respectivos pasados.