O colexio Torre de Lemos de Monforte tivo unha visita moi especial o pasado luns. O alumnado da ESO gozou dun encontro coa actriz galega Benedita Sánchez, gañadora no 2020 do premio Goya á actriz revelación polo seu papel na película de Óliver Laxe “O que Arde”, un filme que gañou no Festival de Cannes o Premio do Xurado da sección Un certain regard.
Dende o Torre de Lemos lembran que “Benedita foi a actriz de maior idade en conseguir o galardón cinematográfico nesta categoría, sendo a segunda de maior idade nas categorías de intérpretes femininas só superada por Julieta Serrano, que logrou o seu primeiro premio Goya á idade de 87 anos na mesma edición”.
A actriz de San Fiz de Paradela estivo acompañada polo intérprete da Pobra do Brollón, Javier González, que foi o promotor desta iniciativa no centro. No transcurso do encontro departiu cos alumnos, que se interesaron polo seu papel na película, polo que supuxo lograr este recoñecemento e por se está disposta a volver participar nunha película, algo que non desbotou.
Con 87 anos ás súas costas, Benedita repasou a súa vida, facendo fincapé nos seus anos de emigración en Brasil, así como do seu carácter polifacético. Tamén falou do que supuxo para ela alcanzar a sona co Goya, algo do que dixo querer fuxir.
Benedita acudiu ao centro coa estatuíña dos Goya, coa que se fotografaron alumnado e profesorado, e tamén concedeu unha entrevista á radio do colexio. Emocionouse por ver a implicación dos escolares na charla e prometeu regresar, porque segundo comentou “sentinme moi cómoda”.