Segundo apuntan desde a ANPA, tras contactar coa xefatura territorial de Lugo para informar da situación destas vivendas, o proceso que se levou a cabo foi o seguinte:
- Inicio petición de desafectación no 2014.
- Novembro do 2014 desde Santiago emítese unha orde para que se comece co proceso, e requírase documentación.
- Febreiro do 2022 o concello remite unha Certificación de acordo plenario.
- 9 de marzo da 2022 a Xunta fai requirimento de documentación.
- O 18 de outubro do 2022, pídese a opinión do consello escolar para a desafectación, o proceso xa estaba iniciado.
- O día 27 de outubro sae a publicación na prensa.
O día 7/11 desde o ANPA solicítase a ITE, e o poder participar na presentación de proxectos para a súa valoración, co fin de participar de modo cooperativo. A día de hoxe non existe resposta do concello.
Aseguran desde a ANPA, que este 22 de novembro a Xunta informa que desde o Concello de Sarria non se achegou máis documentación desde febreiro. Insisten en que as vivendas referidas carecen de ITE, “no decreto 61/2021 é obrigatorio para vivendas con mais de 50 anos, cun prazo de tres. Con todo é evidente que estes edificios hoxe non cumpren os requisitos mínimos, de habitabilidade, salubridade e seguridade, á parte de ter constancia da súa ocupación. Ratas, electrodomésticos tirados nos patios, xiringas, lume e fume dentro das vivendas, gretas, derrubes, en plena zona escolar é o noso día a día.”
Así volven solicitar, a ITE inmediata onde se resolvería a declaración en ruínas, a entrega da documentación para a desafectación a educación e que o consello escolar non sexa enganado “facendo ver que se conta coa súa opinión cando as decisións tómanas antes de propoñelas.”
A ANPA propón a construción dun parque público cuberto e conclúe que “á marxe de calquera sigla política, ao noso colexio represéntano as nais e pais dos seus alumn@s a través do ANPA, a dirección e o profesorado a través da elección dos seus representantes. Somos 400 familias, con distintas ideas, todas respectables, esta reivindicación é exclusivamente das familias, e seremos as familias quen actúe en consecuencia, a cuestión é facer non desfacer, as promesas non valen, necesitamos feitos”.