HomeTerra de LemosA Pobra do BrollónSemana de cinema, literatura, petiscos e cantos de taberna na Pobra do...

Semana de cinema, literatura, petiscos e cantos de taberna na Pobra do Brollón

O martes poderase ver a película ‘Jacinto’, o mércores preséntase un libro e o sábado 10 de decembro serán os 'Cantos de Taberna'. Ata o 9 de decembro, ‘concurso de tapas da Guimaralia’.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Aproveitando esta semana de ponte intermitente, o Concello da Pobra do Brollón buscou varias opcións culturais e gastronómicas para goce da veciñanza e daquela xente que ata aquí se achegue estes días.

O martes 6 de decembro proxectarase ás 18:00 h. na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ o filme “Jacinto”, película que chegou ás Terras de Lemos por primeira vez este verán da man do festival Fancine de Lemos, no mes de xullo. Este traballo cinematográfico dará remate ao Ciclo Mestre Mateo, iniciativa de promoción e divulgación do cinema galego impulsada pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello da Pobra do Brollón.

SINOPSE

Jacinto, interpretado polo lembrado actor Pedro Brandariz, é un neno de nove anos pechado no corpo dun home de 50 que vive cos seus pais e o seu porco Martiño nunha aldea da que son os únicos habitantes. Todo cambia coa chegada de novas veciñas, Alex e Ana, dúas artistas de black metal que porán o seu mundo patas arriba.

Dirixida por Javi Camino, “Jacinto” foi unha das vencedoras nos XX Premios Mestre Mateo, ao recibir 4 estatuíñas: a mellor dirección de arte, mellor maquillaxe e perruquería, mellor vestiario, e mellor interpretación masculina protagonista.

OUTRAS PROPOSTAS

O mércores 7 de decembro a Casa da Cultura acollerá ás 20:15 h. a presentación do libro “A Nación dos Mil Viños”.

Esta publicación, de Edicións Laiovento, reivindica a riqueza vitivinícola galega. Durante a presentación ofrecerase un viño de cortesía e ao remate haberá unha degustación de distintos viños galegos.

Esta segunda actividade ten un prezo de 10 euros e será preciso confirmar asistencia no teléfono 650 624 828 (preferiblemente por WhatsApp).

XIII Concurso de Tapas da Guimaralia e Cantos de Taberna

O certame comezou o pasado 2 de decembro e alongarase ata o vindeiro día 9. Máis información sobre como se organiza o evento e os establecementos participantes na páxina web do concello.

E como peche a esta semana festiva celebrarase a X Edición dos ‘Cantos de Taberna’, unha cita moi esperada sempre polo ambiente que se crea durante toda a xornada. Será o 10 de decembro e aínda non se coñecen detalles dos grupos participantes.

ÚLTIMAS

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...

Obradoiro de pasatempos en galego para alumnado de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso

O alumnado do CEIP San Clodio, do CEIP de Quiroga e do CPI Uxío...