O Concello de Monforte anuncia un novo Mercado de Nadal- Circuítos de Artesanía e Música Galegapara os días 17 e 18 de decembro. Trátase dunha proposta que inclúe animación, con actividades para nenos e nenas, e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía, con produtos para agasallos.
Ademais da oferta comercial, centrada na Praza de Abastos para os postos temáticos de artesanía e produtos locais, o Mercado de Nadal contará cun variado programa de actividades dirixido a toda a familia que se desemvolverán no espazo anexo á Praza de Abastos e na rúa do Cardenal.
O sábado 17 ás 12:00 h. da mañá, celebrarase o Contacontos de Nadal a cargo de César No, un narrador procedente de Sarria, con máis de 10 anos de experiencia con contos versionados e propios cos que consigue facer rir a todos os públicos. Considérase un apaixoado da oralidade pola estreita relación coa avoa, quen lle contaba sempre as historias que el hoxe traslada por toda Galicia. Respecto da proposta que trae a Monforte, ‘Contacontos de Nadal’ é unha contada para festexar a chegada do Nadal rodeados de aventuras, emoción e moitos animais. Unha entretida travesía onde os animais comezan a prepararse para vivir un novo final de ano con novas metas e propósitos. Xa pola tarde, ás 18:00 h. terá lugar unha demostración Olería de Gundivós a cargo de Elías González e ás 19 h., unha actuación de Nadal a cargo da Asociación Cultural Amigos da Pandereita.
Como evento destacado do sábado, a xornada pechará coa actuación musical, as 20:30 h. do grupo monfortino Malenne, nun escenario ubicado na rúa do Cardenal. Este escenario, ideado especialmente polo Concello para esta ocasión, destaca pola súa beleza e polo seu fondo audiovisual onde destacan os motivos navideños.
O domingo 18 de decembro ás 12:00 horas, a Praza acollerá a actuación de Cantos de Nadal do cantautor Emilio Rúa. E ás 12:30 h. terá lugar unha nova demostración Olería de Gundivós a cargo de Elías González.
MERCADO DE NADAL NA PRAZA DE ABASTOS
O Mercado de Nadal desta fin de semana contará cun total de 12 expositores nos que o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade.
O horario do mercado na Praza de Abastos será o sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. O domingo día 11 abrirá de 11:00 a 14:00 horas.
FINANCIAMENTO
Estas actividades encádranse no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello de Monforte organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ao amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.