HomeEconomíaMonforte será a sede do primeiro centro de ciberseguridade de Renfe

Monforte será a sede do primeiro centro de ciberseguridade de Renfe

A operadora ferroviaria investirá 1 millón de euros para a posta en marcha do primeiro centro especializado "a nivel europeo".

Publicado o

- Advertisement -

Monforte de Lemos será a sede do primeiro centro de ciberseguridade especializado de Renfe, que prevé investir 1 millón de euros para a posta en marcha a finais do próximo ano dunhas instalacións nas que traballarán entre 35 e 40 profesionais.

O anuncio foi efectuado este venres nunha rolda de prensa celebrado na localidade monfortina na que participaron a secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, o presidente de Renfe, Isaías Táboas, e o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

A elección de Monforte para albergar este centro débese á “vinculación histórica” da cidade co sector ferroviario e encádrase na estratexia do Goberno para a deslocalización de actividades para combater o despoboamento, segundo resaltou a responsable do Ministerio de Transportes.

Renfe conta con centros de competencias dixitais en Mérida, Miranda de Ebro (Burgos), Alcázar de San Juan (Cidade Real), Linares (Xaén) e Teruel, pero o de Monforte será o primeiro especializado en ciberseguridade, unha cuestión, en palabras do máximo responsable da operadora, “fundamental” dada a condición de “infraestrutura crítica” que ten o servizo informático da compañía pública.

Se no seu día o ferrocarril necesitou o carbón, hoxe necesita a dixitalización“, sentenciou Isaías Táboas, que sinalou que Renfe recibe unha media diaria de 1,5 millóns de intentos de intrusión nos seus sistemas informáticas, uns ataques que aumentaron un 20% no que vai de ano.

CALENDARIO DE POSTA EN MARCHA

O calendario deseñado por Renfe para a posta en marcha deste centro contempla unha primeira fase que se desenvolverá no primeiro trimestre do ano para localizar un emprazamento, que debe reunir unha serie de características e que levará “dous terzos” do millón de euros que se destina á súa creación.

A meta da operadora é que estea en funcionamento a finais de 2023, cando empezarán a traballar parte dos entre 35 e 40 profesionais “altamente capacitados e certificados” que desempeñarán as súas funcións no centro monfortino ao longo dos dous seguintes anos.

Táboas destacou a colaboración de Renfe coas universidades da Coruña e Vigo, así como do IES Daviña Rei de Monforte, para fornecer ao centro de profesionais especializados en novas tecnoloxías e ciberseguridade.

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...