Adrián, Jara e Fernando das Laceiras, coñecido artesán da Pobra do Brollón, chegaran a Perú como turistas. Días despois viron como o aeroporto de Arequipa foi pechado coa consecuente cancelación do voo que os tiña que levar a Lima o pasado día 14 de decembro para dende alí tomar outro avión de volta cara Madrid.
Contactamos con Adrián e contounos que dende esa data permaneron bloqueados no país latinoamericano ata onte, domingo 18 de decembro, cando puideron viaxar dende Arequipa a Lima nun avión do exército peruano. Tamén nos dixo que este luns conseguiron un voo ás 19.00 h. –horario de Perú– con destino a Madrid. Se todo vai ben chegarán ás 13:00 h. do martes 20 de decembro a Madrid, aínda que contando con posibles retrasos ao mellor poñen pés na capital do estado a media tarde. Nese momento valorarán se teñen opción de transporte para A Pobra do Brollón ou xa esperan ao día seguinte pola mañá.

APOIOS DO CONCELLO DA POBRA DO BROLLÓN E DA EMBAIXADA
Preguntámoslle a Adrián polo apoio que tiveron nesta situación dende o Concello da Pobra do Brollón e da embaixada de España. Segundo nos traslada, contactaron dende o primeiro momento co concello e este “deulles apoio en todo momento, así como información falando con consulados, embaixadas e a través de Bruxelas”.
Respecto á embaixada de España están moi descontentos. “Nosoutros levamos dende o pasado domingo chamándoos e ata onte domingo, sete días despois, non tivemos ningunha resposta nin información ao respecto”, comenta Adrián.
PREOCUPACIÓN POLA SITUACIÓN E GASTOS OCASIONADOS
Dende Xornal de Lemos preguntamos tamén se pasaron medo estes días e se contan con poder recuperar os gastos ocasionados. “Medo ningún, as manifestacións son pacíficas, o 99% está pedindo que lles deixen facer unhas eleccións democráticas”, di Adrián. Respecto dos gastos ocasionados, están sendo costeados por eles e falaron coa compañía de seguros que lles dixo que unha vez estean aquí presentaran xustificante de todo para valorar. Falando con embaixada e compañías aéreas, comenta Adrián que “non nos deron ningunha solución, que o temos que custear e punto”.