InicioEn profundidadeUn gran cartel para anunciar a XL Feira do Viño de Chantada

Un gran cartel para anunciar a XL Feira do Viño de Chantada

Coñecemos ao autor do cartel anunciador deste ano e lembramos a programación da primeira cita do ano no circuíto de feiras do viño da Ribeira Sacra.

Publicado o

- Advertisement -

O pasado 23 de febreiro presentábase a imaxe gráfica que serviría para anunciar a Feira do Viño de Chantada deste 2023, unha cita que este ano alcanza a súa XL edición.

O cartel, tal como anunciaba Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura no Concello de Chantada, é obra dun cirurxián chantadino afeccionado ás artes gráficas que traballa no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Ese cirurxián é Alejandro García Pérez, médico residente en cirurxía torácica no devandito hospital e gran afeccionado ao debuxo dende pequeno. “A min sempre me gustou traballar coas mans”, refire Alejandro lembrando que por iso a pintura, a modelaxe e despois a cirurxía foron disciplinas nas que se sente moi cómodo.

De cativo seica se atrevía con todo á hora de pintar –ata ten feito retratos por encargo– e ao chegar á facultade de Medicina esa afección pola ilustración atopouse co mundo da anatomía. Alejandro facía ilustracións do corpo humano e un profesor fixouse con moito interese nesa habilidade que tiña para ‘retratar’ o seu obxecto de estudio. Tratábase do Dr. Juan Suárez Quintanilla, titular de Anatomía da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Propúxolle facer un manual de anatomía conxuntamente –Alejandro como ilustrador– e dende aquela seguen en contacto.

Tamén cita este artista gráfico ao seu pai para contarnos que foi el quen o animou a amosar todos os debuxos que tiña nunha carpeta para dalos a coñecer á xente e non só entre a xente do seu gremio e para ilustrar artigos científicos. Fíxolle caso e empezou a amosar as súas ilustracións sobre anatomía humana a través da súa conta de Instagram (@alejandrogarciart) superando a día de hoxe os 13.000 seguidores.

Tras falar con el visitamos o seu Instagram e quedamos abraiados da calidade e precisión que se apreza nas ilustracións anatómicas. E quedámonos cunha frase que nos dixo: “O que fago é un privilexio, podo pintar por primeira vez algo e tamén permíteme aprender moito”.

Alejandro García (dereita) con MArcos Mato en ‘Obradoiro de Marcos’. Foto: Alejandro G.

ASÍ XURDIU O ENCARGO DO CARTEL DA XL FEIRA DO VIÑO

Conta Alejandro que tiña pensado presentar un bosquexo de cartel que tiña para a Feira do Viño de 2022 pero dixéronlle no concello que xa estaba adxudicado, concretamente a Lomarti.

Ante esta situación naceu outra posibilidade, que fixera o cartel das Festas Patronais. E así foi, o cartel que exalta especialmente o Folión de Carros e serviu de cartel anunciador das Festas Patronais o pasado verán saíu da súa cabeza e das súas mans.

E velaí a situación que levou tamén a Alejandro a ser o responsable de ilustrar, de forma altruísta, a Feira do Viño deste 2023. Comenta o autor que partindo do bosquexo que fixera, aplicou algúns pequenos cambios ata chegar ao resultado final, o cartel que todas e todos coñecemos agora.

Sobre o significado do mesmo, explica Alenjandro García que ocorriúselle poñer o corazón como “corazón de Galicia” e acompañado de dous acios que representan os pulmóns. Ademais, a arteria que destaca no corazón describe o percorrido do río Miño.

PROGRAMA XL FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA

Este venres, 10 de marzo, quedan abertos xa os stands e haberá acompañamento musical con cantos de taberna a cargo da formación “Son de Outeiro”. Pola noite, ás 23:30 h. empeza a verbena co Grupo Claxxon.

Recinto feiral cheo de xente (2022) / XdL
Bodega Pincelo 2022 / XdL

Para o sábado 11 música tradicional dende as 11:00 h. para acompañar a sesión matinal de visitas aos postos que teñen as 15 adegas presentes este ano. Estarán durante a mañá: “Grupo de zanfonas da tradescola de Lugo”, “Searas”, “Agrupación tradicional da Casa da Música”, “Cuarteto Albeiro Ardoa” e ás 13:00 h. concerto da Banda de Música de Chantada.

Roberto Regal (2022) / XdL

Pola tarde, a partires das 17:00 h. estarán a charanga “Union Phenosa”, “Festicultores Troupe” e recuncando: “Grupo de zanfonas da tradescola de Lugo” e as “Searas”. A esa mesma hora comezará a “VII Cara popular”. Pola noite, actuarán as orquestras Trebol e Saudade.

O domingo 12 ás 10:30 h. terá lugar a “Cata Oficial” e ata as 13:00 h. música a cargo dos gaiteiros “Os Barrios”, a “Charanga NBA” e a “Banda de gaitas do Concello de Chantada”.

Ás 13:00 h. pregón a cargo de Don Antonio López Díaz, Reitor da USC.

Ás 15:00 h. farase entrega dos recoñecementos da XL Feira do Viño e a continuación música coas charangas “NBA” e “Louband”. Ás 21:00 h. a Orquestra Compostela poñerá o punto final á feira.

Os postos do viño pecharán o venres ás 2:30 h. da madrugada, o sánado ás 3:30 e o domingo ás 00:30 h.

OUTRAS ACTIVIDADES

Paralelamente desenvolverase no Concello de Chantada a XIV Feira de Oportunidades e XIII Mostra de Produtos e Artesanía na Avenida de Monforte. Unha actividade que organiza a Asociación de Empresarios e Comerciantes locais de Chantada.

Feira de Oportunidades e Mostra de Produtos e Artesanía de Chantada (arquivo) / XdL

Así mesmo haberá un Túnel do Viño, actividade que chega á súa 3ª edición e que se desenvolverá no Auditorio Municipal. No recinto haberá un sumiller que guiará aos asistentes en todo momento. A entrada ao mesmo ten un prezo de 10€.

Para os máis cativos, e maiores de 3 anos, haberá obradoiros e ocioteca a cargo de Velaísca na Casa da Música.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...