InicioComarca de ChantadaChantadaPresentado o cartel e un avance da XL Feira do Viño de...

Presentado o cartel e un avance da XL Feira do Viño de Chantada

A 40 edición da Feira do Viño de Chantada, na que participarán 15 adegas, celebrarase os días 10, 11 e 12 de marzo. Na presentación oficial deuse a coñecer o deseño e o autor da imaxe gráfica, o pregoeiro e algúns detalles da programación. A cata oficial presentará novidades.

Publicado o

- Advertisement -

O pasado mércores, 22 de febreiro, o concelleiro de Cultura do Concello de Chantada, Manuel Diéguez, presentaba a XL Feira do Viño de Chantada no restaurante Os Pendellos. No acto estiveron presentes tamén algunhas e algúns das adegueiras e adegueiros participantes, Néstor Quiroga, presidente da Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra, os medios de comunicación e o técnico de Cultura, Ramón Caamaño.

Manuel Diéguez adiantou que o programa terá un ‘carácter continuista’, no que non faltará a música en diferentes formatos, e no apartado de novidades comentou a existencia dunha nova carpa, máis grande e de mellores prestacións, informou de cambios na cata oficial na que haberá un diferente criterio na puntuación, e tamén comentou que este ano non se venderá viño nos toldos do polbo para que cada veciño e visitante o merque nos stands das adegas.

Seguindo coa presentación desvelouse o cartel anunciador, un deseño feito polo veciño Alejandro García, cirurxián e ilustrador. “Coñecino no verán, fixo o cartel das festas patronais 2022 e ensinoume tamén un boceto cun corazón pensando xa na Feira do Viño”, dixo Diéguez. No que respecta ao pregoeiro tamén se fixo público que será Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

Néstor Quiroga e Manuel Diéguez / XdL
Cartel obra de Alejandro García

Aproveitando a presenza de Néstor Quiroga, presidente da Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra,  lembrouse que paralelamente desenvolverase a A XIV edición da Feira de Oportunidades e a XIII edición da Mostra de Produtos e Artesanía.

ADEGAS E HORARIOS DE APERTURA DOS POSTOS

Este ano participan un total de 15 adegas, unha máis que o ano pasado: Os Cipreses, Enonatur, Adegas e Viñedos Lareu, Adegas Amedo, Adega Castrofiz, Adegas Condado de Sequeiras, Albarduxe, Vía Romana ,Adegas e Viñedos Adega Cabo do Mundo, Pilares De Belesar, Instinto Romano, Adega Diego de Lemos, Bodega Pincelo, Adega Calexotes e Adega e Santa María de Nogueira.

E no que respecta aos horarios informouse que o venres, 10 de marzo, os stands das adegas pecharán ás 2:30 h. da madrugada. O sábado, 11 de marzo farano ás 3:30 h. e o domingo ás 00:30 h.

Adegueiros e adegueiras chantadin@s / XdL

TÚNEL DE VIÑO E CATA OFICIAL

O túnel do viño terá un custo de 10 € e celebrarase coma sempre no Auditorio Municipal, a carón mesmo da carpa onde están as adegas. A cata popular seguirase realizando na carpa principal, terá un custo de 5 €, contará coa presenza dun sumiller e haberá premio para os 3 mellores viños xoves. Todas as adegas estarán presentes con todas as referencias que levan á feira este ano.

Respecto da Cata Oficial, haberá cambios no sistema de puntuación. Todos os viños poden acadar ata 100 puntos e optar a diplomas e 4 medallas (distintivos): Vide Gran Ouro, Vide Ouro, Vide Prata e Vide Bronce. Un xurado de 8 catadores oficiais, da Asociación Galega de Enólogos, das Asociacións Galegas de Sumilleres e Prensa Especializada, serán os responsables de conceder as puntuacións.

Será o domingo ás 10:30 h. e ás 15:00 h. farase entrega dos diplomas aos gañadores. Nesta ocasión, dinos Bruno Lovelle –responsable da cata oficial– “non se compite entre viños, o sistema é inclusivo e o que queremos é que os recoñecementos sirvan para darlles promoción”. As adegas distinguidas poderán despois poñer as medallas acadadas nas súas botellas.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...