HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: Santiago de Barbadelo, acollida de peregrinos (VIII)

Cousas Xacobeas: Santiago de Barbadelo, acollida de peregrinos (VIII)

E foi tan intenso o labor de cristianización e o de cocienciación no senso de que “dar pousada ao peregrino” era unha obriga moral, que ía máis aló de ser considerada unha obra de misericordia.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

O complexo mosteiral formado darredor das Casas Maiores de Santiago e San Martiño de Barbadelo e San Salvador de Rosende (Ortoá) viu florecer toda unha serie de mosteirolos a unha e outra banda do río Barbadelo e ata o río Loio, na entón chamada Terra do Páramo, onde monxes, monxas e “deo votas”, entre outras accións, consagraron as súas vidas á atención de hóspedes e peregrinos, primeramente baixo de abades autónomos e finalmente sometidas as institucións que subsistiron baixo o goberno dos abades de San Xulián e Santa Basilisa de Samos.

A dotación feita polo abade barbadelense Visclafedro en 24 de maio de 904 sinala bens e servos para a atención de sacerdotes, pobres peregrinos e indixentes que merecesen seren atendidos. E en 3 de xuño do 976  Sunilano encomenda os seus bens aos monxes para que vivan rexidos pola régoa santa e para a axuda de pobres e peregrinos.

Norma da Orde de San Bieito

Con eses mandatos non fan senón atenderen á norma da Orde de San Bieito que establece: “Recíbanse todos os hóspedes que chegan como a Cristo, pois El mesmo ha dicir, “Hóspede fún e acollichesme (Mt. 23 ,35.)… Déaselles a todos a honra que corresponde, e por riba de todo aos irmáns na fe e aos peregrinos… Cando se anuncie un hóspede, o superior ou os irmáns sallan ao seu encontro coa máis solícita caride… Ao recibiren a pobres e peregrinos teráse o máximo coidado e solicitude, porque neles reciben especialmente a Cristo, pois cando se recibe a ricos, o mesmo temor que inspiran, leva a respectalos… Debe haber unha cociña aparte para o abade e os hóspedes, para que éstes, que nunca faltan no mosteiro, non incomoden aos irmáns, se chegan a horas imprevistas… Un irmán, cuxa alma estea posuida do temor de Deus, estará encargado a hospedaría, na que haberá un número suficiente de camas preparadas. E a casa de Deus  sexa  sabiamente administrada por varóns sabios… Non trate cos hóspedes nin converse con eles quen non estiver encarregado de facelo; mais se algún o as acha ou os ve, saúdeos con humildade, pídalles a benzón e siga o seu camiño, dicíndolles que non lle é lícito falar cun hóspede.”

Escudo Bieito

Estas normas  foron seguidas nas  numerosas institucións monásticas onde moraron monxes bieitos, dende Santa María do Cebreiro e Portomarín. Precisamente polo feito de se tratar dun dificultoso treito, na súa maior parte pasando por altas serras e montañas, fixo que mosteiros, mosteirolos e “casas de caridade” floreceran nesta ruta e tiveran abertas noite e día as súas portas para a acollida dos peregrinos: Santa María do Cebreiro (1), Viduedo (2), Ramil (3), Montán (4),  Lousada (5); Calvor (6), San Xulián de Samos (7), Santiago de Barbadelo (8), San Martiño de Barbadelo (9) e a Casa de Samos da Casanova-Belante (10) son algúns dos lugares onde se mantivo alta a bandeira da caridade cristiá.

Cando a maior parte desas institucións esmoreceu quedando só con forza o mosteiro de Samos e o Priorado de Barbadelo, as desaparecidas hospedarías víronse substituídas por hospitais, postos baixo do control da orde bieita, uns, e noutros casos sostidos por outras ordes relixiosas (Temple, Orde de San Xoán, franciscáns.. ) ou por señores da terra e mesmo  había as chamadas “Casas de Samos”, aforadas a particulares, ás que se lles sinalaba a obriga de recibiren, alimentaren e daren pousada aos peregrinos pasantes.

No caso concreto do espazo xeográfico ocupado pola actual parroquia de Santiago de Barbadelo, como xa dixemos, a acollida no mosteiro foi substituida pola que se prestaba nun hospitaliño anexo á igrexa e aínda hai que sumar o feito de que as ermidas, como lugares abertos e inviolables polo seu carácter de edificios consagrados, serviron de ocasional acollida para os peregrinos que non podían chegar ao hospital  do lugar de Mosteiro, ou xa o sobrepasaran. Así as ermidas de San Miguel de Riáticos, San Silvestre, San Martiño, Santa Icía e San Pedro de Taíde, tiveron a finalidade de acollida de peregrinos durante varios séculos.

O Cebreiro

Cando na Idade Media se facían doazóns de bens para os mosteiros barbadelenses había manifestación de que os doantes desexaban que a vida desta terra e das súas xentes se rexise polas normas dos santos padres. E foi tan intenso o labor de cristianización e o de cocienciación no senso de que “dar pousada ao peregrino” era unha obriga moral, que ía máis aló de ser considerada unha obra de misericordia, que unha vez producida a desamortización dos bens mosteirais e do priorado no século XIX os peregrinos que cara Compostela ían seguiron recibindo o xesto de caridade, permitíndolles  acougar en espazos das casas rurais e dándolles a esmola de lumes e de alimentos, froito do mandato secularmente mantido, estimando que quen recibe aos peregrinos está a acoller ao mesmo Cristo.

E por iso nunca lle foi negado a un peregrino un anaco de pan e unha cunca de caldo.

E esa sostida virtude levou en todo tempo a que os que pasaban e pasan pola vella ruta das peregrinacións fosen respectados e atendidos porque neles non se vían as “diferenzas” senón os valores humanos.

Sarria Portomarín

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...