HomeTerra de LemosSoberCartel inspirador e pregoeiro de luxo para a Feira do Viño de...

Cartel inspirador e pregoeiro de luxo para a Feira do Viño de Amandi

A poucas horas do comezo do evento máis importante do ano para Sober, aproveitamos para coñecer ao deseñador do cartel anunciador deste ano e falar con Touriñán, encargado de dedicarlle unhas palabras ao Amandi o domingo 2 de abril.

Publicado o

- Advertisement -

O traballo gañador do concurso de carteis da Feira do Viño de Amandi de Sober deste ano, elixido entre uns trinta deseños chegados dende Galicia e outras comunidades autónomas, foi obra do arzuán Daniel Camino, deseñador gráfico de profesión.

Daniel explícanos que o deseño é a súa dedicación principal, traballa como freelance para pequenas empresas e para concellos, e tamén que cando ten tempo libre –poucas veces ultimamente– aproveita para presentarse a concursos que por temática lle parecen interesantes. Comentamos con el máis detalles.

Daniel Camino. Foto: Andrea Rodríguez.

Como soubeches do concurso de Sober para a súa Feira do Viño de Amandi? Coñecías o concello e a contorna na que está da Ribeira Sacra?

Xa o coñecía doutros anos porque coñezo a Ribeira Sacra e a súa contorna, pero ata a edición deste ano non me presentara.

Como te documentaches e que quixeches destacar no cartel deste ano?

Por unha parte vin o que se fixo noutras edicións, tamén investiguei cales podían ser os lugares que poderían ser interesantes representar e xunto coa imaxe que tiña eu en mente da paisaxe da Ribeira Sacra saíu este cartel. O que trato de representar é que cando tes na man unha copa de Amandi non só tes un viño, tamén tes patrimonio, cultura, natureza e unha forma de ser e de pensar da xente que mantén todo isto vivo.

Algún referente artístico no que a deseño gráfico se refire?

Por citar a algúns máis clásicos diría Massimo Vignelli, Paula Scher, Saul Bass, Luís Seoane, Cruz Novillo ou Xosé Vizoso pero é que hoxe en día hai moitísimos deseñadores e deseñadoras con moito talento que coñecemos grazas ás redes sociais. Creo que non hai día que non vexa dous ou tres traballos de xente non coñecida pero con uns proxectos moi interesantes.

Estarás esta fin de semana na Feira do Viño de Amandi?

Por suposto, alí estarei para brindar cunha copa na man.

Cartel anunciador. Autor: Daniel Camino.

XOSÉ A. TOURIÑÁN

Coñecido ao creador do cartel anunciador deste ano, falamos con outro dos protagonistas da Feira do Viño de Amandi 2023. Non é outro que Xosé Antonio Touriñán, un dos máis grandes humoristas de Galicia e cun talento para a interpretación que bota por fóra estes últimos anos. Falamos con el de Sober, da Ribeira Sacra, de viño e, entre outras cousas, avánzanos que en abril comezará a gravar a segunda parte da película ‘Cuñados’.

Coñeces Sober e a súa contorna da Ribeira Sacra?

Coñezo Sober, por suposto que coñezo Sober. Estiven aí hai anos por primeira vez facendo o programa ‘Botarse ao monte’… andivemos por aí pola Ribeira Sacra e comín e bebín moi ben. É un lugar espectacular e que me encanta.

Que lugares recomendarías especialmente?

Non sabería recomendar lugares concretos. Creo que vivides nun entorno fantástico, tanto a parte do Sil como a de máis arriba da zona do Saviñao, Chantada, Monforte… creo que se hai que perder por todos eses lugares. Sobre todo recomendar os paseos nas lanchas que te levan a percorrer os canons dende o río e que te levan a sitios fantásticos.

Coñeces os viños desta zona?

Coñezo algunha adega e coñezo algún amigo que fai viño aí. E sendo a Feira do Viño de Sober creo que hai que loubar o traballo dos adegueiros todos.

Algún viño que recomendes?

Teño os meus preferidos pero non cho vou dicir aquí (ri).

Tes redactado ou na cabeza o pregón para o domingo? Podes adiantar algo?

Non o teño redactado porque realmente as cousas que teño non están redactadas. Si podo ter a miña escaleta do que teño pensado contar, pero por suposto tampouco cho vou a contar (ri). O que queira saber o que teño pensado para  pregón de Sober vai ter que ir o domingo á unha da mediodía alí, estar presente e escoitalo alí en directo. Entón, non se poden adiantar estas cousas, por suposto que non e non se deben.

En que estás traballando actualmente?

Estou traballando nunha chea de cousas. Estou traballando no teatro con Carlos Blanco, nunha segunda volta de ‘Somos Criminais 3’; estou disfrutando moito tamén con David Perdomo facendo unha cousa que lle chamamos ‘Corentena’, lembrando os tempos da pandemia cando faciamos os directos  de Instagram pero en salas pequenas, en directo diante da xente… estamos desfrutando moitísimo; estou facendo tamén (ri) o ‘Aquí Tou’, o meu monólogo, esa tarde mesmo que estou en Sober ao mediodía teño que escapar correndo para o Grove porque teño dous pases alí; e aínda por riba, en nada, estamos presentando ‘Cuñados 2’, a segunda parte de Cuñados que comezaremos a gravar en quince días en Ourense. Así, como podedes ver, non me aburro nadiña, nada.

ÚLTIMAS

Como limpar os montes e evitar lumes ao carón das casas?

A Xunta ofrece plantas específicas nestas franxas secundarias para evitar incendios. Os propietarios teñen...

Cantos de Taberna no Saviñao

O Concello do Saviñao organiza unha nova edición de Cantos de Taberna para ambientar...

Aberta a inscrición nas XXIII Xornadas Pedagóxicas que organiza a Rede Museística en Tor e San Paio de Narla

A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede Museística Provincial de...