HomeMedio ambiente e PatrimonioMedidas de recuperación e anticipación aos incendios forestais no Courel

Medidas de recuperación e anticipación aos incendios forestais no Courel

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, supervisaron as distintas actuacións de recuperación e anticipación aos incendios forestais levadas a cabo neste concello.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Consellería destinou preto de 800.000 euros en traballos de mulching (acolchado) de palla, acondicionamento de pistas forestais e outras actuacións. Precisamente, os traballos de solta de palla executáronse no seu día de acordo coas indicacións dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que previamente realizaron a inspección, avaliación e localización das áreas de actuación preferente. O titular de Medio Rural tamén fixo referencia á retirada da madeira comercial queimada. Así, sinalou que se están rematando as poxas de madeira procedente dos montes de xestión pública.

O conselleiro lembrou que no marco das axudas de medidas urxentes para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, o seu departamento aprobou nesta comarca do Courel achegas por importe de preto de 500.000 euros, entre axudas forestais, apícolas e gandeiras. Así mesmo, José González sinalou que, en breve, sairá unha nova liña de axudas que complementará ás anteriormente citadas para garantir a replantación de soutos de castiñeiros afectados por eses lumes do pasado verán.

No tocante a medidas a medio e longo prazo, o titular de Medio Rural expuxo que a recuperación de soutos de castiñeiros -o primeiro que se executará será o Souto de Vilar- e a implantación de actividade agrogandeira tradicional en extensivo -como a actuación levada a cabo no pasto de Seceda- permitirán evitar incendios forestais e protexer os núcleos de poboación.

Aldea modelo de Moreda

No transcurso da visita a este concello lugués, o conselleiro achegouse á aldea modelo de Moreda, clave para a dinamización do rural e a anticipación aos incendios forestais. Esta aldea conta cunha superficie de 38,86 hectáreas, con 73 parcelas de 44 propietarios. A súa futura actividade produtiva rexerase entre o aproveitamento gandeiro en extensivo, combinado con outras actividades como apicultura, cultivo de produtos de horta e árbores froiteiras.

En concreto, implantarase como actividade principal unha explotación de porco celta ecolóxico en extensivo. Con iniciativas coma esta conséguese loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións

ÚLTIMAS

A Oficina de Turismo de Chantada incrementa nun 10,5% os visitantes durante o verán

A Oficina Municipal de Turismo de Chantada despide a tempada de verán 2025 superando...

Aprobado o proxecto do trazado da última fase da autovía que une Lugo e Sarria

O Consello deu luz verde ao proxecto e ao estudo de impacto ambiental no...

CIG Saúde alerta da situación do servizo de pediatría no Hospital de Monforte

Aseguran desde CIG Saúde que levan meses denunciando a falta de man esquerda da...

A sostibilidade do turismo en Galicia: os riscos da turismofobia

O encontro ten por obxecto abrir un diálogo técnico, baseado en datos e achegas...