HomeEn profundidadeA XLI Feira do Viño de Quiroga ao detalle

A XLI Feira do Viño de Quiroga ao detalle

Na edición deste ano destaca unha xornada dedicada á viticultura heroica, a presenza de 3 adegas canarias convidadas, o foco mediático do pregoeiro Carlos Sobera e a continuidade da feira con adegas profesionais exclusivamente.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O formato de Feira do Viño con adegas profesionais chegou a Quiroga para quedarse e neste 2023 seis serán as que representen ao territorio quirogués con stand propio. Xunto a elas haberá 5 máis da D.O. Ribeira Sacra e unha convidada da D.O. Rías Baixas.

As adegas que xogan na casa son Atrium Vitis, EDV 2015, Fructuoso-Hobbs, Lar de Ricobao, Terrazas de Outeiro e Val de Quiroga. As restantes, xa de fóra do concello, son Alma de Donas, Algueira, Ponte da Boga, Adega Gullufre e Rectoral de Amandi –da D.O. Ribeira Sacra– e Adega Corisca –da D.O. Rías Baixas–.

Este venres, 7 de abril, comezará a andar o groso da programación entrando xa de cheo co protagonismo do viño e dedicando esta xornada á viticultura heroica coa particularidade de que coincidirán os viños da Ribeira Sacra cos caldos de tres adegas canarias convidadas: El Lomo (D.O. Illas Canarias), Comarcal de Güimar (D.O. Güimar) e Domínguez Cuarta Generación (D.O. Tocorante-Acentejo).

Pola mañá, na Casa da Cultura, haberá unha conferencia a cargo do embaixador do Cervim en Canarias, Manuel Capote, e presentaranse os viños canarios devanditos. E pola tarde, a partir das 17:00 h., a cita cos viños terá como escenario a Praza Maior onde se procederá á “Cata oficial de viños canarios” en colaboración co alumnado do ciclo formativo en servizos de restauración da Escola Belarmino Fernández Iglesias.

Ás 18:00 h. darase apertura dun túnel do viño para coñecer e probar os viños canarios das tres adegas citadas, e ás 20:00 h. haberá un concerto a cargo da antiga Tuna Lucense.

FIN DE SEMANA

O sábado, 8 de abril, é o día grande da XLI Feira do Viño de Quiroga. As casetas das adegas abrirán durante todo o día e paralelamente haberá diferentes actividades.

Ás 11:30 horas terá lugar na Praza de España o XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Este ano participan oito grupos, entre os que está a escola de gaitas San Martiño de Quiroga.

Pasarrúas da Banda da Deputación de Ourense na Feira do Viño de Quiroga 2022 / XdL

Ás 11:45 procederase á inauguración da mostra no recinto feiral baixo a carpa a cargo do vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro da Presidencia, Diego Calvo.

En horario xa de tarde, ás 17 horas haberá teatro na Praza España a cargo de Tombuctú, compañía que poñerá en escena ‘MisterBlue’. Unha hora máis tarde comezará a ambientación musical no recinto feiral coa charanga Mil9 e ás 19:00 h. o Auditorio Municipal acollerá o concerto da Coral Polifónica de Quiroga cos grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga.

Ás 20:30 h. chega o momento de máis asistencia de público na rúa principal de Quiroga, onde está o recinto feiral, coincidindo co momento do pregón. Presentarán o acto os xornalistas Tania Taboada –reporteira en Espejo Público– e José Manuel Parada –presentador televisivo e pregoeiro na edición XXIII– e o encargado de dedicarlle unhas verbas ao evento será o polifacético Carlos Sobera. Tras a súa intervención procederase a dar a coñecer aos gañadores do concurso de camisetas

A partir xa das 21:00 h. a festa continuará coa actuación da orquestra Marbella e o DJ Adri Díaz.

Feira do Viño 2022 / XdL

O domingo, 9 de abril, a Feira do Viño rematará cunha xornada na que as adegas terán tamén todo o día para poñer as últimas copas e vender os últimos viños desta edición.

Pola mañá actuará, a partir das 11:00 h., o grupo tradicional O Recanto; ás 12:30 h. recibiranse ás autoridades na Casa do Concello e ás 12:45 neste mesmo lugar farase entrega de trofeos ás adegas participantes. Para rematar a mañá, ás 13:00 h. actuará o Grupo de Gaitas ‘Érbedo’.

Pola tarde, ás 17:00 h. repite Tombuctú na Praza España co espectáculo teatral ‘MisterBlue’; e no recinto feiral actuarán as charangas ‘NBA’ e ‘Terras do Bibei’ ás 18:00 e ás 21:00 h. respectivamente.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...