Participaron no acto o Secretario Xeral dos PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, e o Secretario Xeral de UU.AA., Roberto García, entre outros responsables orgánicos e cargos institucionais do partido no concello e na comarca.
José Tomé subliñou que a candidatura de Mariano López “dará un novo impulso para conseguir a Alcaldía e mellorar o futuro de Chantada. Un impulso froito do gran traballo que nestes últimos oito anos fixo a compañeira Raquel López, que acadou uns excelentes resultados electorais”. O líder socialista subliñou que o Alcaldable “reúne todos os valores necesarios para ser un bo Alcalde. Ten o máximo compromiso con Chantada, coa súa xente, coñece perfectamente as súas necesidades e tamén as súas oportunidades. Conta con experiencia recoñecida, moita sensatez e, o máis importante, ten moitas ganas de seguir traballando poe Chantada, agora dende a Alcaldía”. O tamén Presidente da Deputación recalcou que a institución investiu neste mandato en Chantada máis de 4 M€, comprometéndose a “darlle un novo impulso ó concello con Mariano como Alcalde”.
Mariano López Nieves agradeceu o traballo de tódolos concelleiros socialistas saíntes: “fixeron un traballo extraordinario ao longo deste tempo. Cónstame que en moitas ocasións foron o único altofalante das queixas e denuncias da veciñanza de Chantada, converténdose nun auténtico referente en toda a comarca”.
“Saímos a gañar para volver a acadar a Alcaldía. Sei que non é un camiño doado, pero traballaremos e empuxaremos dende cada parroquia e dende cada recuncho do noso concello para sacar adiante este proxecto progresista, tan necesario para Chantada”, destacou o candidato socialista, que sitúa como unha das súas prioridades poñer enriba da mesa solucións “para que ningunha empresa ou traballadores do sector produtivo marchen do noso concello, e tamén reverter a pirámide poboacional con políticas activas de natalidade”, como xa fan outros concellos.