HomeTerra de LemosA Pobra do BrollónA VIII Feira Guímara premiará as mellores caracterizacións e estandartes

A VIII Feira Guímara premiará as mellores caracterizacións e estandartes

Ademais da tradicional representación da revolta guímara a cargo da veciñanza, o programa deste ano inclúe unha representación escénica do grupo de teatro infantil, ambientación musical, xogos populares e concertos. O pregón correrá a cargo da bailarina e actriz Merche Pérez e o escritor Manuel Ayán, e como novidade este ano haberá concursos que premiarán a caracterización e os estandartes das e dos participantes na feira.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Feira Guímara conmemora o vindeiro 8 de xullo a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos cunha completa programación dende o mediodía ata a noite no campo da feira, ao carón do río Rubín.

A xornada arranca ás 13:00 co pregón a cargo da bailarina e actriz Merche Pérez e o escritor Manuel Ayán. Seguidamente, haberá unha representación escénica da obra O Piñeiro Máxico, a cargo do alumnado do curso de teatro infantil dirixido pola propia Merche Pérez.

Despois, tras a tradicional representación da revolta guímara a cargo da veciñanza, comezará un vermú animado pola agrupación Os Ministreles do Burgo.

Ambientación con música tradicional. Foto: Concello A Pobra do Brollón.

PROGRAMACIÓN DE TARDE

A programación continúa despois do xantar cun concurso de xogos populares que terá lugar de 17:00 a 19:00h. As persoas interesadas en participar nos distintos xogos (ra, tira soga e chave) deben anotarse previamente. Haberá categorías infantil e adultos.

Á noite, a partir das 21:00 h, empezarán os concertos, coa agrupación de música tradicional festeira Airiños da Freba, e o grupo de rock bravú de Chantada, Os Rastreros. Despois dos concertos todo apunta a que haberá unha foliada, polo que dende a organización animan aos asistentes a levar instrumentos. 

CONCURSOS DE CARACTERIZACIÓN E ESTANDARTES

Como novidade desta VIII edición da Feira Guímara haberá premios para as mellores caracterizacións e os mellores estandartes. A idea é que estean relacionados con lendas guímaras ou con calquera momento da historia da Pobra do Brollón. Hai varias categorías, individuais e colectivos, e infantís e adultos.  

Para participar é preciso inscribirse previamente. As caracterizacións e estandartes valoraranse o mesmo día da Feira e anunciaranse os e as gañadores/as ás 21:00 h., antes do comezo dos concertos.

Postos e comida

Ao longo da xornada da Feira haberá postos de artesanía e produtos locais, e tamén postos de comida. Para o xantar, haberá unha polbeira e ademais tres restaurantes da Pobra do Brollón (Bar Avenida, A Vella Taberna e O Primeiro de Maio) ofrecerán menús para levar.

No campo da feira hai unha zona de mesas de uso libre para que cada quen leve a súa comida. Está previsto que a hora de xantar estea animada por un pasamesas musical.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...