HomeCultura'Día da Música Tradicional' e fin de festas en Quiroga

‘Día da Música Tradicional’ e fin de festas en Quiroga

Dentro do programa de Festas de Verán que organiza o Concello de Quiroga, este ano dedícaselle un día á Música Tradicional. Será este sábado 12 de agosto e o prato forte será o concerto do grupo tradicional Os Melidaos a partir das 23:00 h. O peche das festas será o domingo 13 con Fogos artificiais e o concerto dos Gin Toni's.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O equipo de goberno, e nomeadamente a Área de Cultura e Festexos, impulsa esta iniciativa co desexo de darlle continuidade os vindeiros anos e co obxectivo de traer a Quiroga propostas musicais e folclóricas que visibilicen e divulguen a riqueza do noso patrimonio cultural.

Deste xeito, o 12 de agosto pola mañá, a partir das 12:00 h. actuará o grupo de Música e Baile tradicional “A Volta do Agro”, formación que chega grazas ao programa “Tradigalu” da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo; e pola noite haberá un gran concerto a cargo do grupo tradicional “Os Melidaos”. Estes últimos chegan dentro do programa que impulsa tamén a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, “Xunt@s polo Serán 2023”. Estas actuacións serán na Rúa Real, nas proximidades da Casa do Concello.

A VOLTA DO AGRO

O Obradoiro de Cultura Tradicional A Volta do Agro nace no ano 1995 na cidade de Lugo. Este colectivo xorde coa idea de traballar no obxectivo último da asociación, a dignificación da cultura tradicional galega. Máis de 25 anos de traxectoria recollendo toda canta mostra de música, cantos, bailes e roupa se conseguise, e transmitindo todos estes coñecementos a través de obradoiros e actuacións.

A día de hoxe a asociación conta con tres grupos que poden actuar de forma conxunta ou por separado: o grupo de música tradicional (integrado por gaitas, acordeón, clarinete e percusión), o grupo de pandereteiras e o grupo de baile tradicional, en total máis de 20 membros que intentan reproducir o máis fielmente posible o que os maiores lles transmitiron, incluídos outros aspectos como a vestimenta e o espírito das festas doutros tempos. Por iso, nas súas actuacións gustan non só de ser observados senón tamén de que o público participe no espectáculo de xeito que ao final todo se converta nunha gran festa.

Ao longo de todos estes anos a asociación ten actuado en numerosas vilas de toda Galicia e levado as súas músicas e os seus bailes fóra da nosa comunidade –Castela e León, Asturias, Euskadi, Madrid– e mesmo ten representado a Galicia en diversos festivais en localidades de Portugal, como Braga, Porto, Avanca, Coimbra e Guimaraes. Asemade, ten organizado varios festivais de música tradicional baixo o nome de Festival Zumbanocoiro, nos que participaron grupos procedentes de toda Galicia e Portugal.

A Volta do Agro. Foto cedida polo grupo.

OS MELIDAOS

“A música tradicional é un tesouro que compre conservar”. Esta é unha máxima coa que Os Melidaos veñen camiñando desde os seus inicios na música tradicional, outorgándolle a gaita e a voz un papel protagonista. Nese andaina, o grupo loitou sempre por acadar un son tradicional, pero á vez unha sonoridade propia, procurando en todo momento que os vellos sons teñan, a preponderancia que merecen. Segundo eles o importante non é o intérprete senón o interpretado, sendo este pobo o que latexa tras as notas dun alalá, dunha muiñeira o dunha alborada.

Nos máis de vinte anos de existencia, son moitas as pezas que veñen interpretando: unhas dos repertorios dos chamados Coros Históricos; outras das “tocatas” dos grandes grupos de gaiteiros da historia do noso país; outras de recolleita propia e como non; algunhas da propia creación dos membros do grupo.. tratando sempre de aportar novas melodías agrandando o repertorio da chamada música tradicional.

Hoxe seguen dándolle aire ás palletas e apreixando as súas gorxas, para que a música non pare, e o interpretado conte coa relevancia que se merece.

Os Melidaos. Foto cedida polo grupo.

POSTA EN ESCEA DO GRUPO

O primeiro dos elementos non musicais que o grupo asume como parte esencial da súa actividade é o traxe. Calzóns, cirolas, chaleques, polainas, monteiras… forman parte dos seus espectáculos, coidando a estética en aras a poñer en valor esta parte importante do noso folklore.

No tocante á parte musical, a gaita é a gran protagonista, sendo a voz outro elemento esencial. No seu repertorio, non faltan pezas dos grandes grupos de gaiteiros, pezas dos repertorios dos chamados Coros Históricos, pezas de recolleita propia e como non, pezas da súa propia creación.

Mención especial no seu repertorio merece o Alalá, que ten cabida en todos os seus espectáculos, constituíndo unha das claves musicais dos Melidaos, pois entenden que no tocante as melodías, non hai nada máis propiamente galego que o Alalá, como ben dicía Otero Pedrayo: “… o cantar con largos finais que indican como que non se pecha nada, como nada é completo, senón que queda sempre tendida unha ponte ata o máis alá, unha melancolía ata nos momentos máis alegres da charla ou da festa”.

DISCOGRAFÍA

“Quen ben baila, que ben baila” (2019), “Axudádeme a cantar” (2012), “Festa na Codeseira” (2015), e “Tribo nosa” (2019).

RESTO DE PROGRAMACIÓN DAS FESTAS QUIROGA 2023

Dentro do programa de festas para este 12 de agosto tamén actuará o grupo valdeorrés Os Broders no escenario da Rúa Lago en sesión vermú, as 13:00 h. e en sesión de madrugada a partir da medianoite, xa ás 1:00 h.

Escenario da Rúa Lago / XdL

Como evento deportivo destacar o ‘Trofeo Festas de Verán’ de fútbol que enfrontará aos equipos xuvenís do Quiroga F.C. e o C.F. Monforte; e para público infantil unha animación de rúa ás 21:00 h. co espectáculo ‘O bosque vivinte’.

O domingo 13, e como fin de festas, a sesión vermú correrá a cargo do dúo ‘Dos en Punto’; o evento deportivo futboleiro será ás 19:00 h. co encontro de fútbol senior entre o Quiroga F.C. e o C.D. Río Sil; e como espectáculo familiar chega a Quiroga “Asacocirco Show” ás 22:00 h. na Praza do Auditorio.

O remate total contará con Fogos Artificiais na Praza de España ás 23:00 h. e co concerto de Gin Toni’s na Rúa Real ás 23:30 h.

Os Gin Toni’s. Foto: Musicsoft

ÚLTIMAS

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...