O fotógrafo, Eduardo de Martís, presenta o seu libro de fotografía ‘Galicia Latente’ na aldea de Vilar, Folgoso do Courel, o sábado 14 de outubro ás 18:00 na praza da aldea. Así, a asociación Fonte do Milagro do Courel organizará esta presentación. Nela intervirá o propio autor, Eduardo de Martís, acompañado do presidente da asociación, Evaristo Méndez, da zoqueira Elena Ferro, que forma parte do ecosistema de persoas que aparecen no libro, e de veciñanza da zona. Haberá unha exposición fotográfica, coloquio, a actuación musical do grupo tradicional O Érbedo e petiscos do lugar para rematar a xornada.
“O espazo no que iniciar a andaina pública de Galicia Latente non foi escollido ás toas. Os incendios arrasaron a aldea de Vilar no 2022, e para min ten moito significado presentar aquí este traballo canda á veciñanza”, explica o fotógrafo. Galicia Latente recolle máis de 170 fotografías introducidas por un texto do antropólogo Rafael Quintía e un pequeno prólogo do propio autor. Para construír este retrato da Galiza actual, Eduardo de Martís percorreu máis de 140 puntos da xeografía galega durante os últimos tres anos, dende O Courel ata Vigo, dende Muxía ata Viana do Bolo, en conversa coa xente.
A prevenda do libro, cun 20% de desconto, estará dispoñible ata o próximo xoves, 2 de novembro. Ademais, de Martís destinará o 5% dos fondos recadados a través desta oferta anticipada á campaña solidaria #TiPodesParalos impulsada pola asociación ecoloxista ADEGA para frear a vaga eólica no Courel e noutros valiosos espazos naturais e patrimoniais de Galiza.
Unha Galicia diversa
‘Galicia Latente’ trátase dun traballo de corte etnográfico que, en palabras do seu autor, busca ser unha “xanela aberta a unha Galiza diversa, moderna, e con potencial de futuro”, lonxe de tópicos e estereotipacións que ás veces a reducen a unha foto fixa das tradicións. Así, Galicia Latente conta un relato novo e único dos retos e oportunidades da cultura galega, da man de persoas anónimas -un grupo de mocidade xogando á baralla, unha veciña escocesa afincada na Coruña e neofalante, as vendedoras de grelos na estrada N-550…-, e tamén da man doutras máis coñecidas, como Elena Ferro, renovadora dos zocos tradicionais, as compoñentes dos grupos Fillas de Cassandra ou Tanxugueiras, o poeta Ismael Ramos ou a chef Lucía Freitas. Todas elas son, explica o autor, “latexos culturais emerxentes”.
Pódese dicir que o fío que une a meirande parte das fotografías deste libro é a innovación desde a tradición. “Cada páxina vai creando unha radiografía sobre cada un de nós. Son realidades que temos ao noso carón, que nos desafían, que nos alentan, e que nos abocan a enfrontar o noso porvir (individual e colectivo). Neste xogo só podemos atinar ou errar. Ter unha identidade propia ou ser quen nos digan ser”, expresa o autor. Nesta viaxe, Eduardo de Martís proponnos parar, baixar do mare mágnum e ollar o latexo da Galiza diversa que habitamos.
Eduardo de Martís
Eduardo de Martís (A Catuxa -Arteixo-, 1974) é un fotógrafo documental con máis de 18 anos de experiencia. O proxecto Galicia Latente naceu no seu maxín xa no ano 2005, e saiu á luz por primeira vez no 2009 cunha exposición fotográfica no Trocadero, en París, e outra no Parlamento Europeo un ano máis tarde. Trátase dun proxecto feito a lume manso que agora comeza unha nova singradura a través deste libro, ao observar o autor toda unha revolución cultural en Galiza que sentía a necesidade de retratar.