HomesociedadeAbraham Cupeiro 'engaiola' ao alumnado do IES Río Cabe

Abraham Cupeiro ‘engaiola’ ao alumnado do IES Río Cabe

Este construtor e multiinstrumentalista de Sarria, e internacionalmente coñecido, cativou ao público presente nunha das súas charlas sobre música e instrumentos ancestrais.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este mércores 11 de outubro, o IES Río Cabe de Monforte de Lemos contou coa presenza de Abraham Cupeiro, un coñecido e recoñecido construtor e multiinstrumentalista de Sarria.

Chegaba a este centro escolar dentro da actividade “Resoando no pasado”, unha mestura de charla e concerto na que o artista ensina parte da súa colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de diferentes épocas. Nesta ocasion, o músico mostrou instrumentos dende a época dos celtas, persas, romanos, chineses… ata a actualidade ao tempo que falaba de historia e música.

En palabras do seu Director, Carlos Parada, “Abraham cativou a todo o público da man dos instrumentos, algúns con máis de 2000 anos de antigüidade, e da súa voz. A actividade tivo grande acollida entre o alumnado de 2º e 3º da ESO que non parou de facerlle preguntas intrigado por todo o que estaba a ver”.

ABRAHAM CUPEIRO

Abraham Cupeiro estudou trompeta no RCSMM, e logo fixo un Máster en Interpretación da Música Antiga na Universidade Autónoma de Barcelona. Como construtor e multiinstrumentalista, o que o caracteriza é a recuperación de instrumentos perdidos no tempo, e empregalos para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles.

Como instrumentalista destaca, por exemplo, por ser unha das poucas persoas que toca o Karnix, unha trompeta celta da Idade de Ferro, e a nivel de Galicia é impulsor da Corna –instrumento ancestral da tradición galega e que estaba extinguido dende o século XX–.

Nos seus espectáculos recupera e constrúe instrumentos e interpreta con eles todo tipo de músicas e con formacións modernas. Así, por exemplo, no proxecto ‘Os Sons Esquecidos’ gravou coa Filharmónica de Galicia no 2017, un espectáculo que xirou por España e Finlandia.

No 2018 estreou ‘Pangea‘, un proxecto que gravou en 2019 coa Royal Philharmonic de Londres e que aínda está a mover por todo o mundo.

Como anécdota, lembrar a visita de Abraham Cupeiro ao programa La Resistencia no ano 2022. Houbo un momento da mesma na que Cupeiro convertiu unha palla nunha gaita e ese momento fíxose viral nas redes sociais.

ÚLTIMAS

Comeza a organización da XLIV Feira do Viño de Quiroga

Nesta primeira xuntanza púxose en marcha a maquinaria que moverá esta cita de exaltación...

Cortes de tráfico esta fin de semana nas rúas monfortinas Doutor Casares e Doutor Teijeiro para reparacións do firme

No caso da rúa Doutor Teijeiro, o tramo afectado é o comprendido entre o...

“O tamaño do Gran Fachón non se desvela ata o propio día”, Sara Inés, Alcaldesa de Castro Caldelas

Como cada ano, e para non faltar á tradición, o 19 de xaneiro celebrarase...