HomeMovementos sociaisPresentada en Monforte a campaña “Monforte en negro contra as violencias”

Presentada en Monforte a campaña “Monforte en negro contra as violencias”

Está organizada para conmemorar o 'Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero' e inclúe un completo programa con accións de prevención nos centros educativos, un espectáculo de maxia, teatro, formación en defensa persoal, cartelería sensibilizadora e o acto central coa lectura do manifesto e a performance “Cadeiras Baleiras” o propio 25N.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Monforte vén de presentar a súa programación do 25N da man da Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Regina López. A campaña de sensibilización, baixo o lema “Monforte en negro contra as violencias”, conmemora o Día Internacional da eliminación da Violencia de Xénero co obxectivo de promover a sensibilización e a implicación de toda a sociedade na loita contra as violencias machistas.

Na súa intervención, Regina López trasladou unha mensaxe clara de rexeitamento a todas as formas de violencia que sofren as mulleres “polo mero feito de ser mulleres”, e fixo un chamamento á sociedade monfortina sobre a necesidade de “alzar a voz” contra esta lacra social.

A concelleira afirmou tamén que “a violencia de xénero non é un problema individual nin privado, senón unha realidade que afecta ao conxunto da sociedade e, polo tanto, require da implicación de todas e todos, mulleres e homes”, e incidiu en que, “ademais das agresións físicas, existen outras manifestacións de violencia machista, como o control, as ameazas, o illamento social, o maltrato psicolóxico ou a violencia sexual, que non poden ter cabida na nosa sociedade”.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO 25N

O acto central, como cada ano, desenvolverase o propio 25 de novembro ás 12.00 h na Praza do Concello onde se procederá á lectura do manifesto institucional a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade. A continuación, unha acción artística e de protesta social, baixo o título de “Cadeiras Baleiras”, visibilizará o baleiro irreversible que deixan as vítimas asasinadas pola violencia machista. Incluiranse tamén tres cadeiras baleiras en lembranza dos tres menores vítimas da violencia vicaria.

No acto participará alumnado de Educación Primaria dos centros educativos da cidade, co obxectivo de facer partícipes tamén aos máis novos desta xornada de reivindicación e concienciación. Ademais, repartirase entre as persoas asistentes material de sensibilización baixo o lema da campaña “Monforte en Negro contra as Violencias”.

No apartado de sensibilización colocaranse pancartas conmemorativas do 25-N no edificio do Concello e no Centro Cívico, instalarase un vinilo da campaña no Bus Urbano e tamén se distribuirán cartelas e dípticos informativos coa programación completa.

Como novidade deste ano, instalaranse tótems informativos permanentes sobre os recursos existentes fronte á violencia de xénero en diferentes dependencias municipais: a Casa Consistorial, a Biblioteca Municipal e o Complexo Deportivo da Pinguela.

OBRADOIROS NOS COLEXIOS, MAXIA, FORMACIÓN EN DEFENSA PERSOAL E TEATRO

Entre as accións deste 25N están os obradoiros dirixidos ao alumnado para sensibilizar e tomar conciencia sobre a violencia de xénero. Para o alumnado de 6º de Educación Primaria de todos os centros educativos de Monforte estase desenvolvendo ata o 17 de novembro o obradoiro “Prevención da violencia de xénero no contexto dixital”. A actividade busca proporcionar ao alumnado referencias claras sobre o uso seguro e saudable das tecnoloxías da información e da comunicación, promovendo a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes tamén no ámbito de Internet. E ata o vindeiro 24 de novembro ten lugar tamén o obradoiro “Violencia de xénero dixital: aproximación práctica”, dirixido ao alumnado de 3º da ESO de todos os centros educativos da cidade.

O domingo 22 de novembro, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o espectáculo de maxia “Igualdade, onde estás?”, dirixido ao público familiar. A actuación correrá a cargo da ilusionista Maga Fani, que combinará ilusionismo, comedia e participación do público para transmitir valores de igualdade e transformación social.

Para completar o programa deste ano, o día 26 deste mes o Centro Cívico acollerá unha nova edición do Curso de Defensa Persoal Feminina. A formación será impartido por Juan José Martínez, que empregará o “Método Mais” e unha metodoloxía específica de defensa persoal feminina para ensinar ás mulleres a utilizar o corpo e a mente ante posibles ameazas e situacións de risco.

A actividade desenvolverase en dúas quendas: pola mañá de 9:30 a 13:30 horas, e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas. A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. As mulleres interesadas deberán anotarse previamente no Centro de Información á Muller (CIM), no teléfono 982 41 63 50.

Tamén o xoves 26, ás 20:15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a representación da obra teatral “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico, dentro da programación teatral que organiza o Concello de Monforte a través da Rede de Teatros e Auditorios.

A peza, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Sara Rey Seoane, está dirixida ao público adulto e aborda a realidade das vítimas do ciberacoso que se ven conducidas a unha espiral de desprezo e dor.

ÚLTIMAS

Transportes licita por 603.634€ obras para mellorar a seguridade viaria na N-540 e N-120

.O anuncio de licitación foi publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público (PLACSP)...

Por Chantada presenta unha moción reclamando medidas urxentes de mellora na seguranza viaria

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de presentar unha moción...

Afigal prestará servizos financeiros ás empresas asociadas a Ribeira Sacra Next

Afigal e a Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next asinaron un convenio de colaboración...

‘Miconcurso de tapas’, iniciativa dos Lactourus para dinamizar a hostalería de Monforte

A Asociación Micolóxica Os Lactouros organiza os vindeiros mércores 18 e xoves 19 de...