O evento dinamizador da hostalería do sur de Lugo “Saborea e Canta o Outono” xuntou este ano a máis de 250 persoas que se achegaron á Praza de Abastos de Monforte para gozar dunha noite con gastronomía, viños da Ribeira Sacra e música en directo.
Os establecementos Capitol, El Muli, Oasis e ONYX ofreceron as súas propostas gastronómicas, acompañadas dos viños das adegas Galanteiro e Os Cipreses, pertencentes á D.O. Ribeira Sacra. O encontro contou tamén coa participación do Centro do Viño da Ribeira Sacra como establecemento convidado e coa presenza do alcalde e algúns concelleiros do Equipo de Goberno.


A Batucada Tukupá foi a encargada de abrir a celebración, que continuou coas actuacións musicais de Julliet’S e SOLO, proxecto en solitario de Isi Castañer. Ademais, os máis pequenos puideron gozar dun espazo infantil a cargo de Os Trasnos, actividade que gustou moito e tivo aos pequenos e pequenas entretidos e ben atendidos mentres os pais gozaban dun momento de desconexión entre amigos, produtos de empresas locais e un gran ambiente.
Outro dos puntos destacados da noite foi o photocall instalado para a ocasión, ao que se achegaron numerosas persoas durante a velada.

Dende a Apehl agradecen a asistencia das máis de 250 persoas que participaron no encontro, así como a implicación dos establecementos e colaboradores que, xunto co Concello de Monforte, contribuíron ao seu éxito.

