HomesociedadeO Saviñao, un dos 5 focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica declarados pola...

O Saviñao, un dos 5 focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica declarados pola Xunta este mércores

A EHE (Enfermidade Hemorráxica Epizoótica) é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Esta doenza vírica afecta ao gando bovino pero non se transmite ás persoas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Xunta vén de declarar cinco novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Galicia. Tres novos focos na provincia de Ourense; e dous focos na provincia de Lugo, nos concellos de Friol (comarca veterinaria de Lugo) e O Saviñao (comarca veterinaria de Terra de Lemos-Quiroga). Cos cinco focos declarados hoxe, son 18 as comarcas veterinarias nas que se ten notificado focos de EHE en Galicia..

Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

A EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres, fundamentalmente cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico só o gando bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía, mentres que o gando cabrún non é  sensible a esta enfermidade.

No gando vacún pode presentarse clínica moderada, con febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema do ubre, síntomas que normalmente desaparecen en aproximadamente dúas semanas. En canto ao gando ovino e cabrún, non hai constancia de enfermidade clínica nos animais.

Ademais, cómpre sinalar que non existe vacina nin tratamento curativo específico fronte ao virus da EHE. Por iso, as medidas preventivas posibles a tomar respecto a esta enfermidade van encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto:

  • Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente zonas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
  • Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.
  • No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...