HomesociedadeAchégase a Festa do Chourizo de Margaride de Lor

Achégase a Festa do Chourizo de Margaride de Lor

Será o vindeiro día 19 de xaneiro e enmárcase dentro do programa de festas na honra ao San Vicente que remata o día 21.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A veciñanza de Margaride de Lor, en Quiroga, encara a costa de xaneiro con mellor humor que o resto de mortais porque estarán de celebración coa festa na honra ao seu patrón, o San Vicente.

O vindeiro día 13 de xaneiro comezan as actividades programadas cun Campionato de Tute con gran tradición e participación que ten lugar no Bar Iria do Freixeiro, a carón da N-120 moi preto da piscifactoría. Será ás 21:00 h., a inscrición custa 20 € e hai dous premios,un lote de produtos da zona para o gañador, e un pack de viño para o segundo.

Días despois, xa na fin de semana grande, o día 19 será a esperada Festa do Chourizo, con pancetada e chourizada de balde para as persoas que se acheguen a Margaride a partir das 21:00 h. A maiores, a Asociación de Veciños ofrecerá tamén viño e roscón de sobremesa.

Para aqueles que nunca estiveran, comentar que é unha experiencia socializadora e gastronómica desas que che deixan ganas de volver. Ten un encanto especial polo ben recibidos que son os forasteiros e o ben que presta unha panceta e un chourizo recén asados no lume cunha noite fría de inverno de fondo.

Espeto de dúas puntas asando panceta. Foto: XMF.

é unha experiencia socializadora e gastronómica desas que che deixan ganas de volver

Voluntarios e voluntarias da asociación asan chourizos nunha grella para ir dando aos presentes ao tempo que reparten panceta para que eles mesmos a asen nun lume socializador arredor do que se xuntan os comensais con cadanseu espeto de madeira. A imaxe é auténtica, o lume purificador e os guizos encarados uns con outros coa panceta na punta como arremedando aos mosqueteiros con aquel “todos para un e un para todos”. E que ben presta despois esa panceta pingando pousada na codea de pan e acompañada cun viño de Margaride…

Como remate a esta merenda-cea, a organización ofrece roscón e pouco despois convida a quedar á verbena, este ano da man da orquestra Solara. Trátase, pois, dunha festa gastronómica moi popular, socializadora e pola que non se cobra, aínda que coñecendo o esforzo e a hospitalidade da Asociación de Veciños de Margaride, todo o mundo colabora coa comisión de festas coas consumicións e mercando rifas.

Campo da festa (Margaride 2023). Foto: XMF.

A festa continúa os días 20 e 21 de xaneiro con alborada pola mañá a cargo do Grupo Tradicional O Recanto, Misa e Procesión ás 13:30 h. e sesión vermú para completar a mañá.

O sábado 20 na sesión vermú estará o grupo A-Zero, e pola noite haberá un concerto a cargo do grupo monfortino Malenne, mentres que o domingo 20 a festa da tarde noite será a cargo do trío Karma. Ao final dos festexos ofrecerase unha chocolatada popular.

Festas en Margaride. (Imaxe de arquivo cedida pola Asoc. de Veciños).

ÚLTIMAS

Pepo Suevos: “subirei ó escenario coa mente en branco e a ver onde me leva a comedia”

Monforte empeza o ano 2026 con comedia e faino o día 2 de xaneiro...

Os Polos de Emprendemento da provincia asesoran a 1.100 proxectos e crean 90 empresas

Esta iniciativa da Xunta de Galicia, despregada progresivamente desde xullo de 2022, ofrece asesoramento...

A MESA Lemos organiza unha actuación para público familiar coincidindo co Mercado de Nadal de Pantón

Este ano o concello que colabora é o de Pantón e a actividade realizarase...

Monforte entrega case 15.000€ repartidos en 55 axudas ao transporte do alumnado

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana a concesión de axudas que suman...