HomesociedadeMargaride de Lor convida a chourizo asado

Margaride de Lor convida a chourizo asado

A Asociación de Veciños desta localidade quiroguesa organiza este venres 24 a ‘Festa do Chourizo’ dentro do programa das festas patronais que se alongará ata o domingo 26 de xaneiro.

Publicado o

- Advertisement -

Dende hai uns 9 ou 10 anos os veciños e veciñas deste lugar fan que o ‘chourizo da casa’ e ‘asado ao espeto ou na grella’ sexa o protagonista na véspera da fin de semana grande das súas festas patronais na honra a San Vicente.

Preguntámoslle a Olga Aira Olmo, presidenta da asociación de veciños, como xurdiu a idea de facer a ‘Festa do Chourizo’ e cóntanos que a esta celebración sempre veu moita xente da montaña do Lor pero tamén da Pobra do Brollón, concretamente de Salcedo e de Vilachá. “Antigamente, esta xente traia os seus propios chourizos e a xente de Margaride cocíallos nas casas e tamén na cantina, proba clara da afinidade que había con eles. Despois comíanse acompañados do viño novo”, explica Olga.

Con estes antecedentes pensaron un bo día que “podíamos facer iso, asar os chourizos nós aquí e ofrecerllos á xente”, comenta Olga; e así foi como, facendo de xenerosos anfitrións, decidiron encargarse da elaboración caseira da materia prima e ofrecer a veciños/as e visitantes os chourizos esa noite. Non se cobra nada por participar na degustación pero os asistentes colaboran mercando rifas para sufragar os custes de organización.

Chourizos afumados preparados para o día 24 de xaneiro / Asoc. de Veciños de Margaride

Ademais dos chourizos caseiros, este ano preto de 300, tamén haberá panceta asada, roscón, queixo e café.

Esta paparotada popular e enxebre abre as festas o 24 de xaneiro, ás 21:00 h., e a continuación haberá verbena. O 25 e 26 pola mañá terán misa, procesión e sesión vermú, tendo os dous días pasarrúas amenizado polo grupo tradicional O Recanto e verbena o sábado.

A procesión do San Vicente / Asoc. de Veciños de Margaride

A Asociación de Veciños de Margaride de Lor é un referente na dinamización desta localidade, ademais de preocuparse polos servizos da veciñanza tamén organizan a coñecida “Festa do Ouro” en agosto, o magosto e o San Xoán.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...