HomeComarca de QuirogaRibas de SilAdxudicada a xestión das instalacións do Xeocamping de Ribas de Sil

Adxudicada a xestión das instalacións do Xeocamping de Ribas de Sil

Aventeira, unha cooperativa sen ánimo de lucro con sede social en Ourense, será quen xestione esta infraestrutura para organizar campamentos, cubrir a demanda de aloxamento en auxe que ten o Xeoparque Montañas do Courel e facerse cargo do mantemento e apertura do CIMAR nos horarios actuais.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Ribas de Sil vén de adxudicar as instalacións do Xeocamping a Aventeira.

A adxudicataria é unha cooperativa sen ánimo de lucro con sede social en Ourense e cunha traxectoria de máis de 5 anos no desenvolvemento de actividades de educación e tempo libre así como a dinamización cultural. “Unha das carencias que tiña esta empresa era precisamente a de contar cunhas instalacións nas que desenvolver os seus proxectos con rapaces de tódalas idades”, comentan dende o equipo de Goberno. Deste xeito, nace o primeiro campamento turístico temático de Galicia, figura de recente creación, que contribuirá a promocionar e traer xente ao Xeoparque Montañas do Courel.

O Xeocamping de Ribas de Sil conta con edificio de recepción, edificio de usos múltiples, edificio de servizos con 8 duchas e 8 baños, zona de lavandería, barbacoas, e un total de 8 bungalós, dous deles adaptados para minusválidos. Tamén contará con 14 parcelas de acampada e un almacén para apeiros. Destacan tamén unha pequena piscina De case que 2000 metros cadrados libres para posibles ampliacións no futuro. A capacidade de aloxamento estará cerca das 100 prazas.

As instalacións, ademais de servir para o desenvolvento de actividades para a cativada programadas pola cooperativa concesionaria, servirán tamén para dar aloxamento aos peregrinos e ás peregrinas do Camiño de Inverno e aos visitantes do Xeoparque e da Ribeira Sacra. Cómpre lembrar, ademais, que o conxunto turístico aloxa o Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana (CIMAR).

CONCESIÓN ADMINISTRATIVA

A concesión administrativa das instalacións faise por un periodo de 10 anos e Aventeira terá que facer investimentos estruturais por importe dun mínimo de 25.000 euros nos vindeiros 5 anos e pagar un canon anual de 3.500 euros, así como facerse cargo do mantemento e apertura do CIMAR nos horarios actuais.

Segundo informan fontes do Concello, a adxudicataria está realizando os trámites administrativos necesarios para abrir as instalacións ao público o antes posible.

Vista aérea do Xeocamping. Foto: Concello de Ribas de Sil.
INVESTIMENTO

O investimento total, incluíndo o CIMAR, rolda o millón de euros cunha achega moi importante de fondos propios do Concello de Ribas de Sil e varias subvencións da Xunta de Galicia, de fondos Leader da Unión Europea e sobre todo do Plan Único da Deputación de Lugo.

ÚLTIMAS

O CC Ponte Vella de Ourense celebra o seu 24º aniversario

Durante dúas semanas, visitantes, familias e amigos poderán gozar de talleres, exposicións, xogos, espectáculos...

O PP pídelle á Deputación reparto igualitario dos fondos

No documento que se elaborará coas achegas que realicen os representantes do PP de...

Presentado o cartel do ‘Xanela Fest’ que promove a operadora chantadina Xanela

Este venres 10 de outubro presentouse en Guntín o cartel do Xanela Fest, evento...

O PP anuncia no Parlamento que a Xunta investirá 30M€ no Hospital de Monforte, mentres o BNG reclama solucións ás listas de espera

A iniciativa nacionalista demandaba garantir a cobertura completa de prazas nos servizos con maiores...