Este ano, como novidade, despois do pregón entregaríanse os premios da cata oficial que se celebraba o sábado pola mañá na adega Castrofiz e os premios da cata popular que tiña lugar o sábado pola tarde. Tradicionalmente a entrega de premios facíase durante a comida oficial que ten lugar nesta xornada.
Ás 12:00h da mañá Queiman e Pousa estrearía ante os centos de persoas presentes no recinto da Feira, o espectáculo de homenaxe aos viticultores, “De Pura Cepa”. Posteriormente, a escritora, Fina Casalderrey ofrecería o pregón desta XLI Feira do Viño de Chantada.
No seu pregón, a autora e profesora, subiu ao Faro e divisou as vistas que fan de Chantada, Corazón de Galicia, lembrou a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebrou nos anos noventa en Chantada onde presentara o seu premiado libro, O misterio dos fillos de Lúa. Casalderrey levou aos asistentes polo cartel da Feira do Viño, obra de Lomarti e tamén os achegou á ribeira de Chantada e ao traballo diario de viticultores e adegueiros. Repasou poetas, novelistas, cineastas,… que homenaxearon ao viño, “Non esquezan que o viño naceu para ser degustado con moderación, nin que unha das posibles definicións da felicidade ben podería ser: degustar un viño de Chantada, en boa compaña, “un doce, delicadísimo alalá que no corazón nos pon un merlo novo“, que diría o poeta chairego”.
E Fina Casalderrey remataría o seu pregón cun brinde e asegurando que recomendaría o viño de Chantada, “Espallemos a sona dos nosos caldos galegos, sen complexos; pregoemos que están á altura de calquera outro viño, como o están a nosa lingua, a nosa literatura, a nosa cultura. Saúde e Boa Feira!”
XLI Feira do Viño de Chantada / Concello de Chantada
Posteriomente o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregaría un acio de uvas á pregoeira como lembranza. Tamén Lomarti, autor do cartel recibiría o seu agasallo. O rexedor local agradeceu a asistencia das autoridades e, en especial, a participación de adegueiros e viticultores “agradecer aos homes e mulleres das nosas ribeiras que fan posible isto, aínda que a climatoloxía non acompañe e congregan cada ano a milleiros de persoas. A xente que acudiu este ano queda convidada para todas as Feiras do Viño de Chantada no futuro porque encher a carpa de xente con este frío ten moito mérito”.
Manuel Lorenzo Varela remataría animando a seguir probando o viño novo, “fancédolle antes unha boa cama coa gastronomía de Chantada”.
As adegas participantes recibiron despois unha lembranza desta edición da Feira de mans das autoridades presentes e dos ciclistas, Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera. Chegaría despois o momento de premiar aos mellores viños. Na cata popular, na que puntuaron os viños un cento de persoas, resultaron premiados como mellores tintos novos:
- Cabo do Mundo Mencía 2023
- Instinto Romano 2023
- Os Cipreses Mencía 2023
Pola súa banda na cata oficial premiáronse 12 viños como os mellor valorados polo panel de cata:
VIDE GRAN OURO (96-100 puntos). Entregou os recoñecementos o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela:
- Calexotes Godello 2023
- Condado de Sequeiras Mencía 2022
- Asolagados Barrica 2021
VIDE DE OURO (90-95 puntos). Entregou os galardóns o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo:
- Condado de Sequeiras Godello 2023
- Os Cipreses Mencía 2023
- Vía Romana Mencía (añada) 2022
- Pero Bernal 2022
- Condado de Sequeiras Barrica 2017
VIDE DE PRATA (84-89 puntos). Entregou os recoñecementos o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades, Román Rodríguez González.
- Asolagados Rosado 2023
- Asolagados Mencía 2023
- Cubiche Mencía 2022
- Castrofiz Tradición 2021
Premiados XLI Feira do Viño de Chantada / Concello de Chantada