HomePolíticaAna Pontón visitou a XXXI Feira do Viño de Vilachá

Ana Pontón visitou a XXXI Feira do Viño de Vilachá

Destacou a excelente calidade dos viños da Ribeira Sacra e avanzou que o BNG levará unha 'Lei do viño' ao Parlamento galego para apoiar ao sector e aos produtores.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou este domingo na celebración da XXXI Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, cita na que destacou a excelente calidade dos caldos da Ribeira Sacra avanzando tamén que o BNG vai presentar no Parlamento unha Lei do Viño de Galiza, co obxectivo de apoiar aos produtores e ás produtoras e dar ao sector o impulso que precisa.

Pontón percorreu o conxunto etnográfico das adegas de Vilachá e saudou a colelleiteiros e colleiteiras, así como veciñanza e visitantes. Estivo acompañada polo alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e outros representantes do BNG na comarca.

Trátase dunha feira de gran tradición que se celebra nas Adegas de Vilachá, un conxunto etnográfico de gran valor patrimonial e paisaxístico que a líder nacionalista tamén puxo en valor e que segundo afondou o alcalde da localidade, “é o escaparate que amosa a viticultura que se está a facer neste recuncho da Ribeira Sacra”, pero tamén un certame que “amosa a etnografía e a paisaxe que crean os propios colleiteiros que hoxe están expoñendo aquí os seus produtos”, unha paisaxe que Xosé Lois Maceda considerou especialmente importante manter “se queremos que esta zona se considere Patrimonio da Humanidade”.

“Nós temos que apoiar a estes pequenos emprendedores e que isto anime a que a xente siga vindo ao rural e que vexa que a produción de viño en Vilachá constitúe unha oportunidade económica e, polo tanto, tamén de asentamento de poboación no rural”, concluíu Maceda.  

PROXECTO DE LEI DO VIÑO

O proxecto de lei no que traballa o BNG formará parte dunha batería de iniciativas en defensa dun sector “clave para o desenvolvemento do rural” pola súa capacidade “para xerar riqueza e emprego, para fixar poboación e para preservar o territorio”, asegurou Pontón, quen avogou por un novo marco legal que apoie a produción vitivinícola e fomente os procesos de innovación, industrialización e comercialización do viño.

A líder nacionalista propuxo ademais reactivar as mesas do viño como “ferramenta” que permita mellorar a comunicación entre os profesionais vitivinícolas e a Administración para, de maneira conxunta, abordar os problemas e atopar as mellores solucións para un sector que a día de hoxe ocupa a 100.000 viticultores e move arredor de 200 millóns de euros ao ano no País. Considerou así mesmo necesaria a recuperación dos contratos homologados para garantir prezos xustos aos produtores e produtoras. Referíndose á Ribeira Sacra, comentou que hai rexistradas case 2.000 persoas viticultoras repartidas en 89 adegas, cun volume de negocio en torno aos 19 millóns de euros.

Pontón tamén apuntou ao Parlamento Europeo, onde a través da PAC se toman decisións que afectan de cheo ao futuro do sector. De aí que, ante a proximidade das eleccións europeas, subliñase a importancia de seguir tendo unha voz galega en Europa da man do BNG e coa candidata Ana Miranda “que a partir do próximo 9 de xuño teña máis forza para poder defender os intereses do sector vitivinícola galego e do conxunto do País”.   

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...