HomeEn profundidadeRoberto López, de colaborar co Bóveda Slam Poetry a publicar o seu...

Roberto López, de colaborar co Bóveda Slam Poetry a publicar o seu primeiro poemario

Coñecemos a este autor de Rubián, amante da escrita reflexiva e cos pés na terra, que presenta a súa primeira obra poética o día 24 na Librería Pelayo de Monforte.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Roberto López Veiga naceu na Coruña pero sempre estivo moi apegado a Rubián, no Concello de Bóveda, por ser súa nai orixinaria do lugar. Aínda que repartía as vacacións entre Pontedeume, terra de seu pai, e Rubián, da nai, foi esta última localidade a que máis lle tirou. Na actualidade vive en Lugo pero achégase a estas terras cada pouco para coidar da horta e tamén para participar nos Slam Poetry de Bóveda.

No que respecta á súa afección pola escrita explica Roberto que de pequeno xa facía “algún contiño” e que aos mestres gustáballes o que escribía. Mais foi na adolescencia onde entrou en contacto coa poesía. “Os primeiros contactos foron intercambiando poemas entre amigos e comentando o que nos gustaba”, lembra o noso entrevistado. “Facíamos comentarios os uns aos outros, que eran loas máis que críticas, e así comezou este xogo coa poesía…”, engade.

Cos anos seguiu escribindo sobre o que sentía, enchendo de anotacións moitas libretiñas, e nelas aparecían algúns poemas soltos. En palabras de Roberto, “quería expresar cousas que sentía e que non podía expresar doutra maneira. As artes son terapia, serven para sacar fóra cousas que se non se sacan igual podrecen dentro”.

Facíamos comentarios os uns aos outros, que eran loas máis que críticas, e así comezou este xogo coa poesía…”

CERTAME DE POESÍA DAS LETRAS GALEGAS EN BÓVEDA

O Certame de Poesía Letras Galegas 2022, convocado polo Concello de Bóveda, foi un momento clave para Roberto López. Decidiu presentarse e foi o gañador, quedando no segundo lugar Xosé Casar, poeta e impulsor do Bóveda Slam Poetry.

Na entrega de premios coñeceu a Xosé Casar, un galego retornado de Barcelona e poeta practicante, quen lle comentou xa a idea que tiña de montar un Slam Poetry en Bóveda. “Ofrecinme a colaborar no proxecto, feito que me motivou para escribir máis poemas, e a principios de 2023 creamos a asociación Kultur N’Aldea”, explica Roberto.

Dende ese momento forma parte do proxecto participando no Slam Poetry Bóveda, tanto como colaborador da organización como participante no mesmo.

‘O CANTAR DAS MIÑOCAS’

Este é o título do primeiro poemario de Roberto López Veiga, libro que presentará este venres 24 de maio ás 20:30 h. na Libraría Pelayo en Monforte de Lemos.

O limiar escribiuno Xosé Casar por ser el, di Roberto, “quen me trouxo a poesía á porta da casa”; e a ilustración da portada é obra dun bo amigo seu podendo distinguir nela un carballo agromando da landra e un esqueleto mirando para el.

O limiar escribiuno Xosé Casar por ser el, di Roberto, “quen me trouxo a poesía á porta da casa”

O fío condutor, en palabras do autor e interpretando a devandita ilustración, é “sabernos efémeros, sabernos mortais e que somos natureza”. Abonda no relato cunha reflexión que transcende do poemario, entendendo que debemos “volvernos máis humildes e percibir a natureza cíclica da vida. Non crernos eternos e conectar a través da nosa vulnerabilidade e humildade”.

O poemario pode dividirse en tres partes, recoñecendo na primeira unha mística contemplativa da natureza; un desastre e maltrato dela na segunda; e unha parte final máis filosófica para tomar consciencia de que somos cíclicos.

Remata esta entrevista coa seguinte conclusión reflexiva de Roberto: “A pesar de todo, eu confío na vida”.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...