HomeMovementos sociais'II encontro Burla Verde', no Courel, contra a estafa da transición enerxética

‘II encontro Burla Verde’, no Courel, contra a estafa da transición enerxética

Celebrarase os días 14 e 15 de xuño nas aldeas de Vilamor e Esperante, no Concello de Folgoso do Courel.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Veciñanza do Courel, en colaboración con diferentes organizacións e activistas, farán posible un novo convivio reivindicativo para poñer en evidencia a que veñen en chamar “estafa da transición enerxética”.

Trátase do ‘II Encontro Burla Verde’, unha xuntanza contra a depredación da terra e a falsa transición enerxética que se celebrará este ano os días 14 e 15 de xuño nas aldeas de Vilamor e Esperante, no concello de Folgoso do Courel.

Ao longo destes dous días desenvolvéranse diferentes actividades de carácter formativo, lúdico e de intervención no territorio. Deste xeito, o 14 de xuño, o colectivo Monte Escola organiza ás 17:00 h. unha sesión para arrincar mimosas en Vilamor, á que se pode apuntar calquera persoa de xeito voluntario a través do correo info@montescola.org; e o día 15, a xornada dará inicio ás 10:30 horas cunha programación completa na que haberá música, concertos, circo, danza e varios encontros formativos.

ENCONTROS FORMATIVOS

No que se refire ás propostas divulgativas, ás 12:00 h. haberá unha táboa redonda sobre a organización comunitaria protagonizada por veciñas de diferentes idades e dinamizada pola historiadora Lara Barros en Esperante; ás 16:30 h. un obradoiro para sentipensar arredor do fenómeno dos lumes deseñado pola ONG Arquitectura Sen fronteiras –na Estación Científica de Seoane–; e ás 17:00 h. un coloquio sobre decrecemento a cargo de Begoña de Bernardo do colectivo Véspera de Nada e a cooperativa Outonía S.Cooperativa.

Paralelamente, ao longo de toda a xornada haberá unha programación dedicada ao goce das crianzas, un espazo radiofónico que difundirá o evento en directo, un espazo de micro aberto para os colectivos en defensa da terra que se dean cita no encontro e a creación dun mural colaborativo a cargo da pintora Carme Álvarez.

PROPOSTAS ARTÍSTICAS

Á tardiña arrincarán as diversas actuacións artísticas con espectáculos de danza, circo e música a cargo de: Tralha Terra de Montes, Darija, Xerezade, Laura Lamontagne, Paco Nogueiras, Zeltia Irevire, Mounqup Dj Set, Regueifeiras Loita Amada, Xenderal, Peter Selek, La Sincereza.

Este ano dende a necesidade de ter unha previsión de aforo, a organización informa que a entrada ao evento está suxeita a unha cota de cinco euros e pódese adquirir previamente en diversos establecementos de toda a comunidade. O recadado irá destinado a diferentes colectivos en defensa da terra.

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...