HomeOpiniónPuido haber unha ALTRI en Quiroga en 1976?

Puido haber unha ALTRI en Quiroga en 1976?

Unha interesante achega que lembra o intento de instalación de fábricas de celulosas en diferentes localidades de Galicia a mediados dos anos 70. Un dos concellos afectados, e que presentou oposición popular, foi Quiroga.

Publicado o

POR
Xosé Estévez (Historiador)
- Advertisement -

Dende finais de 1975, pouco despois da morte do Perenne, víñanse sucedendo novas na prensa, non só galega (La Voz de Galicia e El Progreso), senón tamén estatal (ABC, La Vanguardia e El Pais) encol da instalación dunha fábrica de celulosas en distintas localidades de Galicia: Ponteareas, Negreira, Valdeorras, Quiroga, Noia, a cargo de algunhas empresas foráneas como Cepegasa ou Celulosas de Gipuzkoa. Na maioría dos concellos houbo unha forte oposición por considerala unha industria moi contaminante, aínda que non rexeitaban outro tipo de industrias.

A meirande parte dos veciños de Quiroga e San Clodio de Ribas de Sil viñan amosando a súa oposición, malia que o concello de Quiroga non era da mesma opinión, a esa instalación como se pode observar en diferentes manifestos enviados á prensa a finais de 1975 e comezos de 1976, con espallamento dun curioso panfletiño polas festas do Nadal.

El Progreso recollía un manifesto en galego en decembro, sen data, asinado por 135 persoas dos pobos de San Pedro, Bendilló, Os Novaes, Bendollo e San Clodio, que remataba: ”NON A CELULOSA, SI A UNHA INDUSTRIALIZACION RACIONAL DA NOSA TERRA”.

A este escrito contestou en castelán o delegado de Información e Turismo, Sánchez Carro, poñendo en solfa a carta dos asinantes, na que, segundo el, non se xogaba limpo. Insinuaba, ademais, que o escrito en galego fora elaborado por “señoritos” e non “por emigrantes y obreros, que no han tenido tiempo de estudiar estas gramáticas. Sobre todo, el gallego que utilizan los autores de la carta multitudinaria”.

O escrito do Señor Sánchez Carro foi contestado por outro en galego, na sección da cartas dos lectores, que subscribían “numerosas firmas”, mostrando a súa oposición á Celulosa.

Na mesma sección aparecía unha carta, con data de decembro de 1975, asinada por L. Antonio Teijeiro, O autor afirmaba que era xeral no Val de Quiroga a oposición á Celulosa e, polo tanto, non se debía insistir na súa instalación. Remataba a carta.”un orden social democrático exige diálogo, es decir, entendimiento entre el pueblo y sus dirigentes. Pretender imponer algo a la fuerza, alegando que el pueblo no sabe, hoy es ya inadmisible. Y que nadie vea en esto una invitación a la violencia, porque, al contrario, es una invitación a la no violencia para los que dirigen”.

No Nadal, en consonancia con este contexto de tensión, espallaríanse uns curiosos panfletiños, con debuxos dunha fábrica, lanzando fume noxento, un peixe nun cadaleito, outro xifrando zotal contra o fume, unha cruz de celulosa, un SOS en letras grandes e unha oración, que dicía: “Pregamos, señor, da túa infinita bondade e misericordia:-alonxes de nós o cheirume fedento da chaminea –Lembres ás nosas autoridades a obriga que teñen de protexer, resgardar e defender o benestar, a saúde e a vida de tódolos conveciños do val de San Clodio-Quiroga– Que recaden o parescer do pobo. Namentras, ergamos ao ceo nosas supricas e xuntos. LOITEMOS, RECEMOS. Amén. PENSAMENTO: Celulosa non, industrialización si. DESEIO: BOAS FESTAS E MOI BO ANINOVO”.

La Voz de Galicia incluía o domingo, 4 de xaneiro, outro longo escrito, asinado por 441 persoas, “entre as que atópanse 159 labregos”, veciños do Val de Quiroga-San Clodio (localidades de Ribeira, Caspedro, San Xulián, Ermida e San Vitoiro). O xornal titulaba en grosas letras: ”Escrito de 441 veciños do val de Quiroga-San Clodio, en oposición á celulosa. Queren unha información oxetiva sobor dos trámites e que non se tomen decisiós sin contar có pobo”.

As novas encol deste tema saltaron á prensa estatal e o 23 de xaneiro de 1976 o ABC, de Madrid, sinalaba que varias entidades científicas de Galicia emitiran un escrito en contra da instalación de celulosas, concretamente nas localidades de Negreira, Ponteareas e Quiroga.

A tensión e o descontento continuaron medrando e o 18 de abril de 1976 celebrouse unha manifestación popular, convocada pola AN-PG contra a instalación da celulosa no Val de Quiroga. Foron detidas 7 persoas, que quedaron en liberdade esa mesma tarde. Entre os detidos estaban Manuel María e Saleta. Como consecuencia, o día 19 o Goberno Civil publicou unha nota, na que impoñía multas gubernativas de 300.000 pesetas a cada un.  A noticia foi recollida por El Progreso, La Voz de Galicia e El Ideal Gallego. Foron impostas 4 multas de 300.000 pesetas e 7 de 150.000.

Artigo quizais de ‘El Ideal Gallego’. Cedido por Jose de Quiroga

A amnistía de 1977 liberounos desa carga. Sempre lles ouvín a Saleta e Manuel María falar moi ben dos Quiroga e de D. Arturo Núñez, que asinaron un acta notarial negando a súa presencia na manifestación e o último intercedeu por eles, chamando incluso directamente a D. Leopoldo Calvo Sotelo.

Así relata o acontecemento o historiador de Ribas de Sil, Manuel Cao Rodríguez no seu libro: ”Breves historias do Concello de Ribas do Sil”; Concello de Ribas do Sil, 1998, (pp. 76-79): “Outro feito acontece o 18 de abril de 1976. As autoridades municipais de Quiroga autorizaban o establecemento dunha industria produtora de pasta de papel,“Celulosa”, promovida por un grupo de empresas multinacional e que xa fora refugada en diversos lugares de Galicia polos efectos contaminantes que estas industrias provocaban, tendo un exemplo palpable na ría de Pontevedra.

Por San Clodio e Quiroga circulou información de libros e revistas especializadas que se fotocopiaron e se distribuíron polas casas; houbo conferencias que aparentemente non ían trata-lo tema, posto que se lles negaba o permiso  preceptivo naqueles anos, pro que no turno de preguntas remataban por ser auténticas leccións sobre a industria papeleira e os seus efectos; cidadáns cun maior grao de compromiso político souberon esperta-lo sentimento e a conciencia de defensa dun medio ambiente que era de todos.

Un domingo pola tarde, co pretexto de ir a presenciar un partido de fútbol, veciños das aldeas do contorno conflúen cos de San Clodio cara Quiroga a través da Ponte Nova, inda sen rematar, mais transitable a pé, baixo o control de numerosos gardas civís chegados nun autobús ás ordes dun capitán.

No campo de fútbol, onde hoxe está o Pavillón Polideportivo de Quiroga, homes e mulleres agardan o comezo do encontro. Centos de espectadores permanecen arredor do campo e nas inmediacións. Comeza o partido e ó berro de “Celulosa, non”, principia unha manifestación cos futbolistas e o árbitro incluídos. Moreas de xente soben pola rúa que está a carón do Cuartel e seguen pola do General Franco para dirixirse cara a Casa do Concello berrando consignas contra a “Celulosa”.

Vívense momentos de tensión cando se lanzan octavillas e as forzas da orde cargan e deteñen a algúns manifestantes, que son liberados cando a manifestación retorna ante o Cuartel e berra insistentemente: “Liberdade prós detidos”. Os centos de participantes de Ribas do Sil, de regreso pola Ponte Vella, organizarán unha nova manifestación en San Clodio que remata disolvéndose pacificamente na Praza Maior. Nese momento chegaban forzas da garda civil avisadas de que en San Clodio había disturbios, pro que non tiveron ocasión nin motivo para actuar.

Non só a concienciación ecoloxista; tamén o rexeitamento do autoritarismo e da imposición á forza das decisións dun goberno en declive, do sistema político que a ditadura supuña, moveron ós cidadáns e cidadás a saír en exercicio dos seus dereitos civís e comprobaron que a unidade resultaba efectiva.

Esa mesma noite, o ministro da Gobernación, impoñía a varios dos detidos, un deles de San Clodio, multas de 300.000 pesetas que unha posterior amnistía trala morte de Franco deixaría sen efecto.

As empresas desistiron de establecerse na zona e noutras de Galicia onde o intentaron tralo fito marcado por esta manifestación”.

Convén dicir que Manuel María xa fora multado con 75.000 pesetas por un recital, na aula 2 da Facultade de Ciencias Políticas e Económicas, en Santiago, ás 19:30 horas, baixo o título “Galicia contra a represión”, o 13 de xaneiro de 1969. Ademais, Manuel María e Saleta realmente non participaran na manifestación, pois alguén lles advertiu que a policía secreta andaba tras deles para prendelos in fraganti. Viron a manifestación desde as fiestras da casa da Pastorita, parente de Manuel.

En canto ao tema da Celulosa, despois da celebración da manifestación en Quiroga o 18 de abril o asunto aínda seguía coleando. La Vanguardia, en crónica enviada dende A Coruña por José Fernández Ferreiro o 18 de maio, insería as declaracións dos alcaldes de Noia, Outes, Muros e Porto do Son, que se opoñían a instalación dunha celulosa en Negreira, tal como xa se fixera antes en Ponteceso, Valdeorras, Ponteareas e Quiroga. Unha manifestación de 3.000 persoas tamén mostrara a súa oposición. Engadía unhas declaración do Catedrático de Química Analítica da USC, o Dr. Bermejo, quen afirmaba que unha Celulosa desas características emitía 50.000 toneladas de vertidos contaminantes.

O ABC do 25 de xuño incluía unhas manifestacións do ministro de industria, o tecnócrata opusdeísta Carlos Pérez Bricio (Madrid, 1927), nas que afirmaba: ”Mientras yo sea ministro nadie va a impedir la insdustrialización de Galicia”. Referíase o ministro á instalación dunha celulosa na bisbarra de Bergantiños. A Deputación da Coruña estaba en desacordo co ministro, pois unhas 14  localidades e un 90%  dos veciños non querían a Celulosa. Tamén incluía as declaracións do coñecido experto en pesca, membro da FAO e un dos fundadores  e primeiro presidente de ADEGA, Domingo Quiroga (A Coruña, 1900-1992), que criticaba abertamente ao ministro. É dabondo significativo que o citado ministro, despois de deixar o seu cargo político, como calquera pode ollar na súa biografía, foi presidente e membro do Consello de Administración de varias empresas, entre elas Celulosa de Asturias. Polo que se ve xa existían daquela “as portas xiratorias”.

Deste relato poden extraerse algunhas conclusións interesantes, que posúen un brazo tan alongado como para chegar deica a actualidade.

1-Os habitantes da bisbarra de Quiroga fixeron gala daquela dunha grande forza de vontade, conciencia e unidade reivindicativas, malia as promesas dalgunhas autoridades.

2-O seu esforzo opositor, rexo e cérreme, foi quen de paralizar a instalación da Celulosa, o que demostra a vixencia dos vellos refráns, “a unión fai a forza” e “o pobo unido endexamais será vencido”.

3-Na praxe cotián, pero sobre nestas conxunturas agresivas é cando se nota con claridade cales son as formacións políticas e sindicais, que defenden os verdadeiros intereses de Galiza e o benestar social dos seus habitantes e non as fortunas, lucros e capitais de empresas transnacionais ou indíxenas, que só procuran ganancias, beneficios e réditos.

4-Xa vén de vello, polo que se ve, que queiran converter Galiza nunha “colonia da corte”, como denunciaban os provincialistas da Revolución de 1846. Un país que subministre recursos enerxéticos, mineiros, pasteiros e capital humano cualificado para a emigración. Hai que estar vixiantes e cos ollos abertos, pois este capitalismo voraz, insensible e depredador é como o demo malo, contra quen rezan os frades na hora canónica de completas “un león bramante buscando sempre a quen devorar“.

Xosé Estévez (historiador). Foto cedida.

ÚLTIMAS

A Oficina de Turismo de Chantada obtén as certificacións de “Q  Calidade Turística” e “S Sostibilidade Turística”

O ICTES, Instituto para a calidade turística española e a sostibilidade vén de conceder...

Transporte adxudica obras de mellora en tramos da N-120 e da N-540

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou por 13.690.415,53 euros, IVE incluído, un...

Obras na LU-P-4103, en Ferreira de Pantón

A Deputación Provincial de Lugo informa de que ata finais de decembro, a circulación...

‘Castelao’, obra teatral de Culturactiva Produccións, en Quiroga

Culturactiva Produccións presenta este mércores 3 de decembro a obra “Castelao”. Esta actividade está...