Cinco deportistas do Quixós competiron a nivel europeo a principios do mes de xullo en Suiza. Pecharon un gran campionato no que destacaron as medallas de bronce de Noa Díaz Quintián e Ximena Prats Moreiras na modalidade C1 patrullas e na modalidade clásica C2. Os outros tres deportistas homenaxeados que tamén participaron neste campionato foron: Efrén Álvarez Vázquez, Gabriel Rodríguez López e Jacobo Rodríguez López.
No acto de recoñecemento, o Alcalde estivo acompañado polos 5 deportistas homenaxeados, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, o técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, así como familiares e representantes do Club Quixós de piragüismo. Os e as piragüistas presentes recibiron un trofeo individual personalizado en recordo dos éxitos acadados en cada caso. Ao mesmo tempo, tamén se fixo entrega dun trofeo conmemorativo ao Club, galardón que recolleu o presidente Iván Gutiérrez, e o director deportivo, Santi Díaz.
O que non entraba no guión foi a sorpresa que lle tiñan os deportistas ao Alcalde. Fixéronlle entrega dun obsequio de agradecemento polo apoio ao Club consistente nun póster enmarcado coa sinatura e fotografías dos deportistas que estiveron no Campionato de Europa.
Os mellores resultados acadados por estes deportistas no devandito campionato europeo foron os seguintes:
Noa Díaz Quitián: Clásica C2, 3ª; Patrullas clásica C1, 3ª; Sprint C2, 4ª e Patrullas sprint C1: 4ª.
Ximena Prats Moreiras: Clásica C2, 3ª; Patrullas clásica C1, 3ª; Sprint C2, 4ª e Patrullas sprint C1, 4ª.
Efrén Álvarez Vázquez: Patrullas Sprint K1, 8º.
Gabriel Rodríguez López: Patrullas clásica K1, 10º e Patrullas sprint C2, 10º.
Jacobo Rodríguez López: Patrullas clásica K1, 9º.
FELICITACIÓNS E REIVINDICACIÓNS
O Alcalde, en nome de todos os monfortinos, felicitou aos deportistas asistentes e ás súas familias polo apoio constante, e agradeceu os éxitos acadados, “pois serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español, europeo e mundial”. Así mesmo, lembrou que “dende o Equipo de Goberno puxemos en marcha no ano 2022 unha liña de axudas dotada con 12.000 euros, e destinadas a axudar ós clubs monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa ou do Mundo”.
Pola parte do Club Quixós aproveitaron a ocasión para agradecer as axudas comentadas e tamén para reivindicar unhas novas instalacións, demanda que xa se coñece dende hai anos no concello. En palabras de Tomé, como réplica, “témolo presente e todo chegará, estas cousas levan o seu tempo, pero non nos esquecemos…”