HomesociedadeChantada celebra as súas Festas Patronais do 22 ao 27 de agosto

Chantada celebra as súas Festas Patronais do 22 ao 27 de agosto

O Concello de Chantada presentou este xoves a programación das Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que se desenvolverán entre o 22 e o 27 de agosto. Do acto de presentación participaron o alcalde, Manuel Lorenzo Varela e o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Los Fabulosos Weekend e Nàcaruh abrirán os concertos o 22 de agosto actuando na Praza de Catro Camiños desde as 23:30h. Los Fabulosos Weekend é o conxunto músico vocal encabezado por Manuel Manquiña, cun veciño da vila entre os músicos. A formación ofrece versións de temas de rock clásicos e outros temas propios, destacando polo seu enérxico directo. O mesmo que Nàcaruh, formación vinculada á Escola de Música de Chantada, onde o presidente da Agrupación Casa da Música é o vocalista. Nàcaruh presentará temas propios, ademais de versións que farán as delicias do público.

O 23 de agosto celebrarase o Festival de DJ´s que se desenvolverá na Praza do Pavillón desde as 23:30h, con artistas como Dumore, Carlos López ou Marcos Magán.

O sábado, 24 de agosto, a Agrupación Tradicional da Casa da Música fará un pasacalles con Cabezudos desde as 11:30h. O Folión de Carros, unha das actividades máis icónicas das Festas Patronais de Chantada, celebrarase nesta xornada desde as 23:00h. O desfile, no que este ano haberá 16 participantes, estará encabezado pola Banda de Gaitas do Concello de Chantada e a Agrupación Tradicional da Escola de Música de Chantada.

O Folión de Carros que organiza a Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada é Festa de Interese Turístico Galego, tamén declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018. Este ano ao remate do Folión contarase coa orquestra Tango, “Felicitar á Asociación Amigos do Folión polo extraordinario traballo que fan, é un luxo e agradecemos a súa implicación. En anos anteriores pechábase o Folión con música tradicional e para estas Festas decidimos cambiar e traer unha actuación de sona, como Tango”, explica Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura de Chantada.

Tamén na xornada do sábado, despois do Folión, será o pregón das Festas Patronais de Chantada que este ano corre por conta de M. Victoria Otero Pinar, Catedrática de Análise Matemática na USC, Vicepresidenta do Comité Español de Matemáticas, CEMat e Vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española, a que lle agradecen ter aceptado o ofrecemento. Vinculada desde 1986 á USC ocupando diversos postos docentes, no 1989 ocupou o cargo de Academic Visitor no Centro de Investigación T. J. Watson, Yorktown Heights de IBM en New York. As súas liñas de investigación enmárcanse no campo de Ecuacións Diferenciais e en Diferenzas, Sistemas Dinámicos e Biomatemática.  Con ampla experiencia en xestión universitaria e administración educativa e científica, actualmente exerce como avaliadora de distintos programas e títulos para a Agencia Nacional de Evaluacion de la Calidad y Acreditacion (ANECA) e a Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG).

O domingo, 25 de agosto, abrirase ás 11:30h. con pasacalles dos gaiteiros Os Barrios con Cabezudos. Nesta xornada tamén fará pasacalles a Banda Escola de Música de Visantoña, para as 13:30h. ofrecer un concerto no parque Eloísa Rivadulla. A misa do domingo estará cantada pola Coral Polifónica de Chantada. Ás 18:30h. chega á Praza do Cantón o XXXIII Certame de Bandas de Música de Chantada coa participación da Banda de Música de Chantada, a Banda de Música Vila de Cedeira e a Banda Escola de Música de Visantoña. Pola noite, entre as 22:00h. e as 4:00h., a orquestra La Fórmula actuará en Xoán XXIII  e a orquestra Los Satélites levará o seu espectáculo á Praza de Santa Ana.

Xa o luns, 26 de agosto, comezará con pasacalles dos gaiteiros Os Barrios con Cabezudos ás 11:30h. Ás 17:00h. terá lugar festa infantil con inchables e xogos tradicionais no Campo da Feira Vello. Nesta xornada haberá sesión de Fogos Artificiais a media noite e as verbenas nocturnas correrán por conta da orquestra Olympus en Xoán XXIII e do Combo Dominicano na Praza de Santa Ana de 22:00h. a 4:00h.

No último día das Festas Patronais de Chantada, o martes, 27 de agosto, celebrarase a tradicional Festa da Empanada no campo do San Lucas. A cita estará amenizada polos gaiteiros Os Barrios e as charangas Unión Phenosa, NBA e Os Jaláticos. Para a Festa da Empanada prégase evitar equipos de música particulares durante a celebración e utilizar o servizo de autobuses que circularán permanentemente desde as 11:30h. entre a Praza de Santa Ana e o campo do San Lucas por un prezo de 2€ a viaxe. O servizo de autobuses refórzase con respecto a anos anteriores. “Queremos insistir en reforzar a seguridade durante todos os días das Festas, para nós é o máis importante e por iso cumprimos todas as normativas de seguridade en todas as actividades. Na Festa da Empanada facemos un chamamento a que se utilice o servizo de autobuses que poñemos a disposición da veciñanza para evitar utilizar vehículos particulares e facemos fincapé e non usar música propia e abandonar o campo do San Lucas antes da noite. Os autobuses deixarán de circular pasadas as 21:00h. e a partir desa hora sería idóneo que non quedara ninguén no campo”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.            

O día 27, entre as 22:00h. e as 4:00h, o Grupo América levará o seu show a Xoán XXIII e a orquestra Cinema fará o propio na Praza de Santa Ana.

Desde o Concello de Chantada convídase á veciñanza a participar das diferentes propostas e agárdase que a climatoloxía acompañe. “Presentamos unha programación pensada para todos os públicos na que seguimos confiado porque funciona. As nosas festas son moi de familia e amigos/as, se as festas funcionan son boas para todas/os. Esperamos que o tempo nos acompañe porque a climatoloxía é importante para ter un bo balance das Festas”, asegura Manuel Lorenzo Varela.

O cartel das Festas Patronais deste ano é obra do artista, Jon González (JonGo Art), que xa o pasado ano foi o encargado de elaborar o cartel anunciador das Patronais.

ÚLTIMAS

“O tamaño do Gran Fachón non se desvela ata o propio día”, Sara Inés, Alcaldesa de Castro Caldelas

Como cada ano, e para non faltar á tradición, o 19 de xaneiro celebrarase...

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...